Celebración da “X Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia”
O sector TIC salienta a importancia da transformación dixital do tecido empresarial, das Administracións Públicas e da cidadanía
O Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) celebrou este venres a súa “X Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” nunha cea de gala no Hotel Monumento San Francisco de Santiago de Compostela á que acudiron preto de 350 convidados.
O gran evento do sector TIC en Galicia contou coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira; a secretaria Xeral da Igualdade, Susana López Abella;o secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade, Alberto Fuentes Losada; o reitor da Universidade da Coruña (UDC),Julio E. Abalde; e o presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Miguel Ángel Ríos; entre outros.
A Noite é xa unha gala consolidada onde o Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia CPEIG pretende mostrar á sociedade o traballo desenvolto por enxeñeiros en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC.
Coa máxica cifra dos dez anos da Noite, o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, iniciou o seu discurso agradecendo a presenza do gran número de empresas e profesionais das TIC, e por suposto, a colaboración dos máis de 50 patrocinadores sen os que non sería posible dar forma a este evento, destinado a dar “visibilidade” á profesión de Enxeñaría en Informática que ten un crecente impacto na vida das persoas, na creación de riqueza, e no desenvolvemento económico do país. “É un verdadeiro orgullo contar cun respaldo tan amplo do sector, e ver que os apoios crecen ano tras ano” –salientou–.
Parafraseando a Víctor Hugo e tomando o concepto da oportunidade como peza clave para o futuro das persoas que se consideran valentes, o presidente do CPEIG argumentou que actualmente estase achegando a cuarta revolución industrial, onde tecnoloxías como a Internet das Cousas, xenética, intelixencia artificial, realidade aumentada e virtual, robótica, nanotecnoloxía, vehículos autónomos, impresión 3D ou biotecnoloxía se están a desenvolver a un ritmo sen precedente, e sempre tendo como denominador común á informática. E neste punto, Suárez destacou o papel fundamental da dixitalización como proceso que vai mellorar a “eficiencia e a produtividade dos países”, cun posible incremento económico e de benestar social. Ademais, sinalou a importancia da “transformación dixital” do tecido empresarial, das Administracións Públicas e da cidadanía en xeral co obxecto de evitar fendas dixitais, isto unido á gran importancia da educación dixital para atender as novas demandas laborais. “É responsabilidade de todos fomentar, reter e atraer talento, xa que é un recurso inesgotable que permite un maior progreso social”, dixo.
Pero o punto de inflexión chegará da man da intelixencia artificial que cambiará radicalmente a sociedade. Fernando Suárez apuntou que gobernos e empresas deben ver a necesidade de apostar por esta tecnoloxía, onde os algoritmos e o seu desenvolvemento –tarefa dos informáticos– son absolutamente básicos e interfiren en cousas tan cotiás como a condución, onde a intelixencia artificial invade o sector da automoción para estar máis seguros ao volante. E é aquí onde pode xurdir o conflito entre o uso de robótica e o ser humano. Fernando Suárez sinala que para a construción da sociedade dixital é preciso establecer uns principios de “integridade, transparencia e compromiso”, sempre coa premisa da regulación da profesión para que os informáticos poidan exercer de líderes do cambio.
Nove galardoados
Son nove as distincións anuais que se entregaron na “X Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia”, premios que corresponden a diversas categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática. Fernando Suárez indicou que estes premios distinguen a aquelas persoas, empresas e institucións que, co seu traballo, están a consolidar a Sociedade de Información en Galicia. “Estamos especialmente orgullosos da calidade dos galardoados, proba do excelente estado do noso sector TIC dentro e fóra das nosas fronteiras”, asegurou.
O presidente do Consejo de Colegios de Ingenieros en Informática, Juan Pablo Peñarrubia Carrión, a enxeñeira Miriam Pena Villanueva, a directora de Negocio TI de Indra en Galicia, Lucía Ardao Rodríguez, o investigador Joaquim de Moura Ramos, ISMS Forum, INCIBE, o programa Digitalizadas e a aceleradora VíaGalicia son as persoas e organismos distinguidos.
Ademais, nesta edición creouse a categoría “10º Aniversario de A Noite”, para agradecer ás empresas a súa constancia no apoio ao longo destes dez anos, que recaeu en Telefónica, Plexus, HPE, Bahía Software e Xunta de Galicia.