Xornada "Universidade de Vigo e cooperativsmo: 28 anos medrando xuntos"
ECOBAS impulsa a colaboración entre a Universidade de Vigo e as dúas principais asociacións de cooperativas galegas
Docentes, egresados, cooperativistas e estudantes conmemoraron este martes no campus vigués as case tres décadas de relación entre a Universidade de Vigo e o mundo do cooperativismo.
A Universidade de Vigo ten unha longa traxectoria de apoio e fomento do cooperativismo, como se puxo de manifesto na xornada “Universidade de Vigo e Cooperativismo: 28 anos medrando xuntos”, celebrada na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.
O evento deu comezo cun almorzo e unha mesa colaborativa na que participaron representantes de diversas cooperativas galegas, da área de emprego da Universidade de Vigo e da Fundación UVigo, ademais de alumnos e membros de ECOBAS. Esta sesión serviu para crear vínculos entre as cooperativas e a Universidade co obxectivo de atopar fórmulas de colaboración entre ambas e incluír a fórmula cooperativa entre as posibilidades laborais dos alumnos.
A continuación tivo lugar unha sesión informativa na que os representantes de Espazocoop e Agaca, as dúas principais asociacións de cooperativas galegas, explicaron ós estudantes en que consiste o modelo cooperativo e cal é o interese que pode ter para eles á hora de facer a súa inmersión no mundo laboral.
Para finalizar celebrouse o acto institucional no que participaron o reitor, Salustiano Mato; o coordinador de ECOBAS, Carlos Hervés; o presidente de Espazocoop, Celso Gándara; e o director-xerente de Agaca, Higino Mougán. Durante este acto, a implicación da Universidade de Vigo co cooperativismo quedou plasmada mediante a firma do convenio entre a institución e as dúas asociacións de cooperativas. Este convenio, impulsado dende ECOBAS no marco da Rede Eusumo, abre a porta a unha maior e mellor colaboración que traerá asociada a consecución de máis e mellores proxectos, e contribuirá a seguir fomentando o movemento cooperativo.
O acto chegou á súa fin cunha emotiva homenaxe que a Universidade de Vigo e os seus ex-alumnos vinculados ás cooperativas quixeron render aos impulsores do cooperativismo na Universidade, en especial ó profesor Iago Santos Castroviejo, fundador da Aula da Empresa Cooperativa, creada na Escola de Estudos Empresariais hai 28 anos.