A entrega de galardóns será no III Foro Galicia Alimentación
CLUSAGA premia a Granja Campomayor, Casa Grande de Xanceda, Pazo de Vilane, Grupo Ingapan e ANFACO
Granja Campomayor, Casa Grande de Xanceda, Pazo de Vilane, Grupo Ingapan e ANFACO-CECOPESCA recibirán este xoves os III Premios Galicia Alimentación que entrega o Clúster Alimentario de Galicia (CLUSAGA).
O Clúster quere así recoñecer a traxectoria empresarial ou asociativa, a transferencia de coñecementos tecnolóxicos e I+D nos produtos, así como os procesos que melloran a calidade de vida dos consumidores, a relevancia socioeconómica, e o impacto internacional destas compañías. Os galardóns que concede CLUSAGA teñen como finalidade contribuír á promoción dos produtos alimentarios e das bebidas galegas, así coma os proxectos, as empresas e institucións relacionadas, mellorando a súa imaxe e posición de maneira que adquiran unha importancia relevante tanto dentro do sector alimentario como na sociedade en xeral.
Neste senso, resultaron gañadores, Granja Campomayor, situada en Palas de Rei (Lugo), na categoría de “Mellor produto innovador do ano” polo seu “ovo a baixa temperatura”; e Pazo de Vilane, enclavada en Antas de Ulla (Lugo) na categoría de “Mellor proxecto empresarial”, ao tratarse dun proxecto pioneiro na produción de ovo de galiñas en Galicia, reactivando a economía rural, e facendo énfase no papel e desenvolvemento da muller. No primeiro dos casos, o xurado valorou o innovador do produto, xa que provén dun proceso de elaboración por cocción do ovo, dentro da súa casca, que require un control exhaustivo dos diferentes parámetros, en particular da temperatura. Deste xeito, o produto final ten unhas propiedades peculiares coa clara solidificada e a xema líquida, acadando un sabor e textura únicos. Polo que respecta a Pazo de Vilane, destaca a apertura dunha liña de I+D de produción e transformación ecolóxica hortofroitícola: novos produtos derivados da agricultura eco; así como granxas autosustentables mediante a implantación de placas solares para autoconsumo.
Tamén resultou gañadora do Premio ao “Mellor Proxecto empresarial” ex aequo con Pazo de Vilane a granxa familiar Casa Grande de Xanceda, situada en Mesía (A Coruña). Nesta granxa, a raíz do cambio xeracional no ano 2002 liderado por Cristina Fernández-Armesto, imprimiuse unha nova filosofía empresarial baseada na creación de valor engadido dende a elaboración de produtos lácteos de alta calidade con procesos que causen o mínimo impacto ambiental e coidando o benestar animal.
Pola súa banda, o Premio "Galicia Alimentación á estratexia de mercado e internacionalización" recae na empresa familiar dedicada á fabricación de masas conxeladas, Grupo Ingapan (ubicada en Lugo). Actualmente conta con varias marcas de importancia no mercado español, sobre a que destaca Chousa, de contrastada calidade; é empresa líder en Portugal e ten presencia en 19 países.
Finalmente, o"Premio á proxección sectorial" levouno ANFACO-CECOPESCA, que desenvolve unha importante actividade en prol do sector transformador e conserveiro de produtos do mar na representación ante as diferentes administracións e organización e provee servizos especializados co fin último de potenciar a competitividade do sector ao que representa.
Entrega de galardóns
Os premios serán entregados este xoves 1 de xuño na Cidade da Cultura de Santiago, no transcurso do III Foro Galicia Alimentación, ao que está previsto que asistan o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, as conselleiras do Mar e do Medio Rural, Rosa Quintana e Ángeles Vázquez, o director do Igape, Juan Cividanes, e o presidente do Clúster Alimentario de Galicia, Juan Vázquez.
Amáis da entrega deste premios, no marco do III Foro Galicia Alimentación presentarase INCLUSilver, un dos proxectos estrela do Plan Estratéxico que vén desenvolvendo CLUSAGA desde o ano pasado e que durará ata o 2020. Este proxecto busca, en palabras do Clúster, “aproveitar as oportunidades relacionadas coa nutrición personalizada e a economía sénior, a través do reforzo da innovación en produtos e servizos de distintos sectores, orientada ao segmento poboacional de máis de 50 anos”. INCLUSilver está sendo desenvolvido por un consorcio de nove clústeres, liderados por Skane Food Innovation Network, de Suecia, e o Clúster Alimentario de Galicia.
O Foro completarase coa celebración de tres conferencias que afondarán na situación e tendencias do mercado de produtos de gran consumo e o seu comprador; na innovación como panca de competitividade; e nos desafíos globais do sector alimentario.