Xornada o 2 de outubro
A Cámara compostelana avaliará os modelos de xestión na prestación de servizos públicos
A Cámara de Comercio de Santiago celebrará o vindeiro martes, 2 de outubro, unha xornada sobre “Modelos de xestión na prestación de servizos públicos”.
O encontro será inaugurado ás 18:00 horas polo presidente da Cámara de Comercio de Santiago, José Sierra; e o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda.
A xornada, gratuíta previa inscrición a través da web cameral, pretende analizar os diversos modelos que existen para xestionar servizos públicos, máis aínda ante o reaberto debate sobre a recuperación da xestión de prestacións básicas desde o ámbito público.
A xornada contará con dúas mesas redondas onde expertos de dereito e economía debaterán a materia. A primeira mesa redonda, titulada “Colaboración público privada e reinternalización da xestión”, estará moderada pola doutora en Economía Aplicada da Universidade de Santiago (USC), María Cadaval, e participarán no debate o exministro de Justicia, Francisco Caamaño; o catedrático de Dereito Administrativo da USC, Luis Míguez Macho; e a doutora en Dereito e secretaria da Administración Local no Concello de Vigo, Concepción Campos Acuña.
A segunda mesa redonda, “A lexislación laboral, orzamentaria e de emprego público ante a reinternalización de servizos públicos”, estará moderada polo director Xeral do Observatorio de Servicios Urbanos (OSUR), Ramiro Aurín. Esta charla contará coa participación do exministro de Trabajo, Valeriano Gómez; a catedrática de Derecho del Trabajo y la Seguridad da Universidad de León, Susana Rodríguez Escanciano; e o responsable do sector de Agua de UGT FICA, Gustavo Vargas.
Para analizar os modelos de xestión na prestación de servizos públicos, sexa a través da colaboración público-privada –xestión indirecta– ou coa reinternalización ou remunicipalización –xestión directa–, Luis Míguez explica que en ambos casos é o concello o titular do servizo público e debe ser o responsable de controlar a súa xestión e vixiar que o servizo chegue correctamente ao cidadán da forma máis eficiente posible.
O catedrático sinala que, á hora de escoller un modelo de xestión, o concello debe primar sempre o análise técnico por riba de cuestións políticas e ideolóxicas e puntualiza que debe analizarse cada caso individualmente.
Ademais, concreta que para que un concello reinternalice un servizo público asumindo a súa xestión directa debe estar dotado de todos os medios persoais, materiais e técnicos necesarios, ou dispor da capacidade para dotarse deses medios para finalmente ofrecer o servizo á poboación con criterios de sustentabilidade. “A reinternalización dos servizos públicos é unha tendencia actual, en cambio nas décadas dos 80 e 90 primaba a xestión privada” –argumenta–. Tamén subliña que, segundo a nova Lei Contratos do Sector Público de 2017, para que un concello poida pedir o rescate dun servizo público debe acreditar por que quere asumir a súa xestión directa fronte á concesión privada.
No caso da xestión indirecta, Luis Míguez recorda que os concellos teñen unha serie de poderes recoñecidos por lei para controlar ás empresas concesionarios, aínda que destaca que moitas veces non se aplica a vixilancia pertinente ou non se redactan correctamente os pregos da concesión administrativa.