Coa colaboración da Universidade da Coruña

Zas promove o primeiro Parque Científico e Tecnolóxico da Costa da Morte

O alcalde de Zas, Manuel Muíño, e o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde, presentaron o proxecto do Parque Científco e Tecnolóxico da Costa da Morte, que se desenvolverá no futuro parque empresarial de Lamas do municipio coruñés con fondos propios municipais e a colaboración da UDC.
Zas promove o primeiro Parque Científico e Tecnolóxico da Costa da Morte
Presentación do proxecto de Parque CientíficoTecnolóxico da Costa da Morte, no Concello de Zas.
Presentación do proxecto de Parque Científico e Tecnolóxico da Costa da Morte, no Concello de Zas.

O proxecto desenvolverase nunha primeira fase do parque empresarial de Lamas, contemplado no PXOM  do Concello de Zas e que figura entre os Parques Empresariais da Xunta de Galicia. “Despois dunha reunión que mantiven co Instittuto Galego da Vivenda e Solo, a Xunta de Galicia deunos o visto bo para desenvolver dende o Concello de Zas esta primeira fase do Parque Empresarial de Lamas”, indicou o rexedor de Zas, Manuel Muíño.

Unha vez tomada esta primeira decisión, o equipo de goberno municipal viu a necesidade de crear un parque empresarial que ofreza servizos diferentes aos xa existentes polo que se puxo en contacto coa Universidade da Coruña para estudiar a viabilidade de crear un parque empresarial con carácter científico e tecnolóxico. O parque wmpresarial de Lamas terá unha superficie total de máis de 400.000 metros cadrados, dos cales 375.000 serán destinados a superficie útil. A forma de adquisición dos terreos será por expropiación e a primeira fase financiarase con fondos municipais.

A Universidade da Coruña (UDC) conformou un equipo investigador que  analizase a viabilidade deste proxecto. Intégrano Nuria Calvo Babío, catedrática de universidade e xerente do Parque Científico-Tecnolóxico Río do Pazo da UDC en Narón; Braulio Pérez Astray, director adxunto da Fundación Universidade da Coruña; e Alfonso Bravo Juega, profesor titular da Facultad de Economía y Empresa da Universidade de Salamanca. Os dous últimos acompañaron ao alcalde e o reitor da UDC na presentación pública do proxecto, que tivo lugar o pasado sábado no Concello de Zas. 

Cooperación e apoio da UDC

“Este proxecto supón un moi bo exemplo de cooperación entre dúas entidades públicas: o Concello de Zas e a Universidade da Coruña”, indicou Braulio Pérez Astray durante a presentación. Agárdase que esta cooperación vaia a máis e para a posta en marcha do parque espérase contar coa colaboración e co apoio doutras entidades públicas así como as empresas de toda a Costa da Morte.

O Parque Científico e Tecnolóxico da Costa da Morte pretenderá converterse en poucos anos nun referente para toda a comarca e incluso para toda a provincia. En toda España existen 52 parques empresariais deste tipo, dous deles ubicados comunidade galega. “Este proxecto ten un alto valor engadido porque dende aquí darémoslle prioridade á realización de actividades de I+D+i o cal axudará a crear emprego de calidade e a fixar poboación na zona”, sinalou o director adxunto da Fundación Universidade da Coruña. A participación da Universidade da Coruña será un elemento clave e diferenciador deste parque, xa que dende aquí ofreceráselle ás empresas todos os recursos necesarios para levar a cabo diferentes actividades de I+D. “Este parque está pensado dentro do modelo industrial do futuro e pensamos que a Costa da Morte e as súas empresas deben de incorporarse a esta dinámica”, engadiu Pérez Astray.

Pola súa banda, Alfonso Bravo Juega sinalou que o equipo investigador leva varios meses traballando no deseño e no lanzamento do Parque Científico e Tecnóloxico da Costada Morte co fin de que que se poda calificar así, seguindo os requisitos da Internacional Association of Science Parks e da Asociación de Parques Científicos y Tecnológicos de España.

O estudo levado a cabo polo equipo investigador desenvolveuse en varias fases de traballo. Nunha delas fíxose unha análise tecno-económica onde se detectaron diferentes problemas económicos e sociais que afectan a Costa da Morte dunha forma especial; tales como o descenso da poboación ou os empregos pouco cualificados. “Cremos que o Parque Científico e Tecnolóxico da Costa da Morte pode axudar a solucionar en boa parte estes problemas”, sinalou Alfonso Bravo Juega. E para poñer en marcha este parque será necesario poñer contactar cos diferentes axentes involucrados, coñecer o funcionamento dos outros parques científicos e tecnolóxicos de España e crear un contacto directo coas empresas e grupos de investigación que podan instalarse as súas actividades no parque.

Para a posta en marcha do Parque Científico e Tecnolóxico da Costa da Morte o Concello de Zas conta co apoio da Universidade da Coruña. Así o expresou o seu reitor, Julio Abalde. “Dende a UDC daremos todo o noso apoio para que este parque sexa un polo de tracción para o desenvolvemento especializado e que as empresas que o desexen conten co apoio e cos medios necesario para levar a cabo as súas investigacións”, sinalou.

O reitor felicitou ao municipio coruñés pola iniciativa e recoñeceu que sentía “unha envexa terrible” ao oír que o Concello de Zas dispón da financiación suficiente para levar a cabo este proxecto de futuro para toda a Costa da Morte.

Zas promove o primeiro Parque Científico e Tecnolóxico da Costa da Morte