Promovida por Grupo Proinsa e as conserveiras Grupo Pereira e Jealsa
XesGalicia apoia a nova empresa Gaboteira Cultivos, que producirá mexillón
Así o anunciou o vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, durante unha visita ás instalacións de Vitalmar (pertencente a Grupo Proinsa) en Castro de Rei (Lugo). A nova sociedade, Gaboteira Cultivos, absorberá o 29% das bateas da ría de Sada e permitirá potenciar a planificación de colleitas en liña coa demanda.
Na súa visita, Francisco Conde puxo a Vitalmar como exemplo da aposta que a cadea de valor mar-industria está realizando pola innovación e a economía circular para promover un aproveitamento sustentable dos produtos do mar. Vitalmar traballa en diferentes proxectos para obter pensos para aves e fertilizantes ecolóxicos a partir de cunchas de mexillón. Un deles, Mexigal, é unha das iniciativas liderada pola Compañía Española de Algas Marinas (Ceamsa) que aspira a captar fondos Next Generation no marco da candidatura galega. A outra, Mexical, contou co apoio do programa Conecta Peme da Xunta no seu desenvolvemento.
Vitalmar, dedicada á transformación e cocción do mexillón, conta cunha trintena de empregados e en 2020 as súas vendas medraron un 65% con respecto ao ano anterior ata alcanzar os 4,8 millóns de euros. A planta lucense produce máis de 100 toneladas ao día e conta cun laboratorio propio para controlar a calidade da produción. O vicepresidente económico incidiu na aposta da empresa pola innovación e a sustentabilidade e asegurou que esta última representa unha oportunidade para o sector do mar co obxectivo de completar a súa cadea de valor.