Ofrécelle aos asociados do centro comercial compostelán productos financieros con condicións vantaxosas
Sabadell introduce asesoramento sobre fondos de recuperación no seu convenio con Santiago Centro
Na sinatura do acordo estiveron tamén presentes o director rexional do Sabadell, David Martís, e a responsable de banca comercial en Santiago, Nuria García.
Mediante deste acordo, o Banco Sabadell asesorará aos socios de Santiago Centro sobre a mellor forma de optar ás axudas do fondo de reestruturación europea, incluído dentro dos chamados Proxectos Next Generation, cos que a Administración europea busca reactivar a economía despois do parón debido á covid‐19 e modernizala desde unha óptica máis sostible. A entidade financeira pon a disposición dos asociados toda a información de que dispón sobre esta iniciativa de impulso comercial. O fondo incide especialmente en proxectos como a dixitalización dos negocios, un dos obxectivos esenciais aos que se dedicaron nos últimos tempos os esforzos de Santiago Centro.
“Esta é unha gran oportunidade para que o comercio do Ensanche vaia un paso máis alá na transformación que iniciou hai uns anos”, asegurou o presidente do CCA, José Mª Fernández. Ao seu xuízo, a captación destas axudas pode “supoñer o impulso que necesitamos para afianzarnos como a zona de compras máis avanzada de Compostela”. “O comercio local”, dixo, “está sufrindo coma case ningún outro sector os efectos da pandemia, pero tamén está demostrando a clientes e veciños que é o comercio que sempre está aí, ao seu lado, nos momentos máis difíciles. A pandemia demostrounos que os establecementos de proximidade somos capaces de responder nos momentos difíciles dando o mellor de nós, porque nos preocupan o benestar dos clientes e o futuro da cidade”.
Produtos financeiros
O acordo pon a disposición dos socios e dos empregados dos comercios de Santiago Centro diversos produtos do Banco Sabadell en condicións melloradas. Entre as relacionadas coa actividade empresarial, a entidade aboará o 10% da cota aos novos asociados (ata un máximo de 50 euros). Ademais, ofrece melloras nas súas contas Expansión Negocios Plus e Expansión Negocios PRO, deseñadas para servir a autónomos, comercios e pequenas empresas; e as contas Expansión Plus, PRO e Premium, para profesionais, que anulan as comisións de administración por transferencias ou pagarés, e outorga condicións especiais para os terminais TPV.