Sairá á venda a finais de mes
Primux lanza o primeiro ordenador “todo en un” táctil deseñado en España
O primeiro ordenador “todo en un” táctil deseñado e desenvolvido integramente en España está a punto de saír ao mercado da man de Primux, empresa tecnolóxica galega ubicada na Tecnópole (Ourense).
Os ordenadores “todo en un” (coñecidos no mercado do sector pola súa denominación en inglés, “all in one”) son equipos de sobremesa que se caracterizan por ter integrada na carcasa da súa pantalla todos os circuitos que o fan funcionar. Isto quere dicir que se compón de pantalla, teclado e rato, cun deseño lixeiro que permite movelo con facilidade dun lugar a outro da oficina ou do fogar.
O modelo de Primux é o primeiro deseñado en España que permite converter o ordenador nunha tablet cun simple xiro de man e conta cunha batería que permite usalo sen conexión eléctrica, dotada dunha autonomía de entre seis e sete horas en modo de reprodución de vídeos. Cun prezo final de 299 euros, estará á venda a finais de setembro.
“Pensamos que é un equipo moi versátil. Por unha parte, é perfecto para oficinas con pouco espazo e necesidade de que o persoal circule, con todas as prestacións dun ordenador de sobremesa”, explica Daniel Rodríguez, CEO de Primux. “Por outro, no ámbito doméstico adáptase ás necesidades de cada membro da familia, facilita o control parental ao poder transportalo facilmente e permite, por exemplo, colocalo no medio da mesa a modo de tablet para xogar xuntos”.
Aos 10 anos de experiencia que atesoura Primux desenvolvendo tecnoloxía de consumo, a empresa galega suma de novo para este proxecto o apoio de dous xigantes do sector: Intel® e Microsoft. “Integra unha pantalla de 17,3 polgadas con gran resolución gráfica e soporta a instalación de discos duros sólidos de gran capacidade”, detalla Rodríguez, que destaca tamén o deseño ultralixeiro e a resistencia dos materiais de fabricación.