Revolución no mundo do ciclismo urbano
Primux distribuirá en España e Portugal as bicicletas eléctricas intelixentes do fabricante asiático Urtopia
O contrato de exclusividade asinado entre Primux e Urtopia busca revolucionar o mundo do ciclismo urbano a través da distribución das súas innovadoras bicicletas intelixentes nos mercados español e portugués.
As bicicletas intelixentes de Urtopia incorporan tecnoloxía de última xeración como control de voz, GPS e desbloqueo mediante pegada dixital para facilitar o traxecto e a seguridade dos usuarios. Ademáis, están fabricadas integramente con fibra de carbono, o que as fai moi lixeiras, e ofrecen unha autonomía de ata 130 quilómetros.
Primux é unha empresa galega dedicada ao desenvolvemento de tecnoloxía accesible, con máis de quince anos de experiencia, e ten a súa sede no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), en Ourense. Pola súa banda, o fabricante asiático Urtopia acaba de lanzar ao mercado o seu producto estrela, as eBikes. Trátase de bicicletas que empregan tecnoloxía de última xeración combinado cun deseño deportivo e vangardista.
Dende Primux sinalan que “a tecnoloxía é unha das pezas clave destas bicicletas. Permiten vincular facilmente un smartphone a través de tarxeta eSIM, bluetooth e wifi, mantendo informado ao ciclista de datos esenciais como a velocidade, a potencia ou a batería restante”. Ademáis, as bicicletas intelixentes de Urtopia incorporan o sistema de seguridade ARES (Advanced Rear Early-indication System), no que se inclúen as luces de posición e luces de proxección. Desta maneira, o ciclista está visible en todo momento. Por último, Urtopia conta cunha aplicación para Android e IOS que ten funcións como seguimento antirroubo, navegación, rexistros de viaxes e redes sociais, entre outras opcións.
Deste xeito, “Urtopia fusiona a innovación coa redución da pegada de carbono para crear as súas eBikes co fin de cambiar a maneira na que se concibe o transporte convencional”, indican dende Primux.