A asociación empresarial reúnese co delegado da Xunta
O polo tecnolóxico de innovación, formación e novas dotacións, na axenda do empresariado do Tambre
A xunta directiva da Asociación Área Empresarial do Tambre mantivo un encontro co delegado provincial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, no que se repasaron os principais asuntos nos que está a traballar a entidade que preside José FernádezAlborés.
Implementación do polo tecnolóxico de innovación empresarial, formación e novas dotacións sociais configuraron a axenda da Asociación Área Empresarial do Tambre, ademais de convir na “imperiosa e urxente necesidade” de que se fagan os enlaces orbital e orbitaliño para prestar servizo a toda área norte da cidade. Será un dos asuntos que a Xunta de Galicia abordará coa Administración do Estado, segundo indicou Ovidio Rodeiro.
O Tambre deu conta do traballo que se vén realizando dende hai catro anos na Mesa de A Sionlla (Biotech Madeira) en colaboración coa propia Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, a Universidade de Santiago e a Cámara de Comercio, co obxecto de procurar o desenvolvemento industrial de Santiago, particularmente nos sectores da biotecnoloxía e a madeira. “Trátase de implementar un polo de innovación empresarial que busca a confluencia dos traballos da Mesa de A Sionlla cos clústeres de Biotecnoloxía e A Saúde, así como a experiencia da USC en canto a incubación de empresas, en aras de crear un ecosistema que favoreza a creación, desenvolvemento e asentamento de empresas na nosa cidade”, segundo explica a entidade.
Os directivos solicitaron do delegado da Xunta que axilice os trámites diante de Xestur para que o organismo autonómico faga unha reserva de solo no polígono de A Sionlla onde instalar o novo polo empresarial, que incluiría o chamado hub dixital. “Estamos a falar dun proxecto estratéxico de gran calado para Santiago e Galicia, enmarcado no proceso da necesaria industrialización da cidade, aproveitando as fortalezas e singularidades de Santiago nos eidos da biotecnoloxía e a madeira. Non é un polígono máis e así precisamos que o vexan as Administracións Públicas para poder contar co seu respaldo”, destaca a entidade.
A formación no ámbito das manufacturas ocupou boa parte da sesión, debido á ausencia de profesionais. “Tenemos una absoluta demanda de operarios como carpinteiros, pladur, encofradores, fontaneiros, alicatados, colocadores de xeso, etcétera. Estamos nun momento crítico. Se a construción segue tirando, non hai profesionais”, concluíu a directiva do Tambre, que leva catro anos asociado ao Programa Integrado de Emprego (PIE) da Xunta, cun nivel de inserción laboral superior ao 50 por cento. Sobre este escenario, na xuntanza acordouse ver a posibilidade de facer plans a medida e, mesmo, tratando de levar esa formación directamente ás empresas.
En canto a novos servizos, o Tambre expuxo a súa intención de facer unha escola infantil para fillos dos empregados da área empresarial, unha demanda “acuciante” que o delegado da Xunta viu con bos ollos. Rodeiro informoulles de que a Xunta pode financiar a súa construción, entregando a xestión do centro á propia entidade asociativa; “unha escola infantil que, así e todo, acollería os cativos en igualdade de condicións á rede que xestiona a Xunta, usando o bono-concilia”.