Organiza un encontro con gandeiros e agricultores o 10 de abril
New Holland presentará as últimas novidades en maquinaria agrícola na Feira Internacional de Galicia Abanca
A marca de maquinaria agrícola New Holland celebrará o vindeiro 10 de abril na Feira Internacional de Galicia Abanca en Silleda un gran encontro para agricultores e gandeiros galegos.
Esta cita, que comezará ás 10.30 horas, permitirá aos asistentes coñecer as distintas gamas de maquinaria e as últimas innovacións desta firma a través dunha exposición.
Ademais, os profesionais do campo terán a posibilidade de participar en concursos de habilidade con máquinas en movemento e realizar consultas aos expertos da firma sobre os seus produtos.
New Holland, que busca tamén reforzar a súa imaxe de marca, organiza o evento conxuntamente cos seus concesionarios galegos, Manto Maquinaria (Lugo), Maquinaria Lois (Noia), Fariña Maquinaria (Carballo) e Comercial Agrícola Guerra (Viana do Bolo e Xinzo de Limia), e tamén con Coberman, situado en Camponaraya (León).
A entrada a este encontro é libre, estando invitados a acudir todos os profesionais agrícolas e gandeiros que o desexen.
Esta cita terá lugar no pavillón 1 do recinto Feira Internacional de Galicia Abanca, cuxas características únicas convérteno no lugar escollido para realizar eventos que precisan dun gran espazo cuberto, conta con 11.000 metros cadrados, e con todas as prestacións, como climatización.