O evento propicia 500 contactos comerciais
Máis de 150 empresas buscan novas oportunidades de negocio en Exporpymes
As empresas galegas con produto exportable que participaron en Exporpymes pertencen aos sectores da alimentación e bebidas (45 compañías), contract (20 compañías) e saúde (25 compañías). Pola súa banda, participaron tamén 60 importadores e profesionais de 30 países como Alemaña, Austria, Bélxica, Benín, Bolivia, Brasil, Bulgaria, Canadá, China, Colombia, Costa Rica, Dinamarca, Ecuador, Eslovenia, Estonia, EE.UU., Filipinas, Francia, Irlanda, Italia, México, Mozambique, Nicaragua, Países Baixos, Portugal, República Checa, República Dominicana, Togo e Turquía.
A décima edición de Exporpymes propiciou máis de 500 contactos directos entre empresas galegas e estranxeiras, tanto para buscar novas oportunidades de negocio que dean o seu froito a curto/medio pazo como para o peche de vendas.
Inauguración institucional
O presidente da Cámara, Antonio Couceiro, expuxo que “A Coruña é, actualmente, a cuarta provincia de España en volume total de exportacións e é froito da apertura da nosa economía como consecuencia do traballo constante e continuo dos nosos empresarios.
A Cámara da Coruña está envorcada na promoción internacional, en expandir as vendas das empresas galegas en todo o mundo. Traballamos durante todo o ano, de xeito conxunto, co Igape, a través do Plan de Misións Comerciais, para apoiar aos nosos exportadores nas súas vendas ao exterior e nos que as pemes galegas contan cunha axuda de ata o 90%. Este Plan conta tamén co apoio a grandes empresas, que obteñen axudas de ata un 70% e serven de locomotoras para as pemes, apoiándoas nas súas vendas no exterior”.
Gonzalo Trenor, delegado territorial na Coruña da Xunta de Galicia, destacou “o bo comportamento da economía galega, logramos recuperar o PIB previo á Covid antes que o conxunto de España e incidiu en que, Galicia vive o seu mellor ciclo exportador, a nosa comunidade exportou, no que vai de ano, (de xaneiro a abril) un 6,4% máis que no mesmo período de 2022, sendo o mellor primeiro cuadrimestre da historia no tocante ás exportacións.
No seu discurso, Diana Sobral, concelleira de Turismo, Comercio e Hostalería da Coruña, destacou que “A Coruña é xa o principal motor económico de Galicia e temos a oportunidade de impulsar ás nosas empresas de forma internacional a través da dixitalización, consolidándonos como polo tecnolóxico e empresarial de referencia en Europa. A Cidade das TIC e a AESIA marcarán ese futuro e as institucións debemos quen de estar á altura, apoiando ao tecido empresarial da Coruña como está a facer este Goberno con Inés Rey”.