Rexistrou 34.000 tickets, dos 120.000 de toda Galicia
Lugo, a provincia máis activa na campaña "Días azuis do comercio galego"
O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participou en Lugo no sorteo de premios da campaña "Días azuis do comercio galego", que nesta edición se celebrou entre o 1 e o 20 de novembro co obxectivo de dinamizar as vendas no comercio de proximidade.
Na iniciativa, impulsada pola Federación Galega de Comercio coa colaboración da Xunta de Galicia, rexistráronse máis de 120.000 tíckets pertencentes a compras en máis de 150 localidades galegas, cos cales os clientes participaron no sorteo de 12.000 euros repartidos en 64 tarxetas prepago de 250 e de 150 euros. Lugo foi a provincia con maior participación nesta campaña, rexistrando preto de 34.000 tickets.
Este tipo de campañas de dinamización súmanse a programas como o Bono Activa Comercio, ao que a Xunta destina 5 millóns de euros co obxectivo de impulsar as compras no comercio de proximidade, atraendo clientela aos establecementos locais e contribuíndo ao mesmo tempo a aliviar o impacto da inflación na capacidade de gasto dos fogares galegos. Máis de 166.000 consumidores de toda Galicia descargaron todos os descontos de 30 euros dispoñibles a través desta iniciativa, e teñen agora ata o 31 de decembro para realizar as súas compras.