Europe’s Fastest-Growing Companies
Lugar da Veiga, de novo no ranking do Financial Times sobre as empresas que máis rápido crecen
A empresa luguesa Lugar da Veiga, que produce as Galletas Mariñeiras, figura por segundo ano consecutivo no ranking que elabora o Financial Times sobre as entidades que máis rápido crecen de toda Europa.
No 2005, os promotores das Galletas Mariñeiras deixaron os seus traballos asalariados, para centrarse nun proxecto propio e cunha premisa clara: apostar polo rural e a economía social. Confesan que o inicio non foi doado pero séntense satisfeitos polo camiño percorrido, pois na actualidade poden presumir de ser unha das poucas empresas de alimentación incluídas no ranking do Financial Times.
Neste estudo, elaborado polo Financial Times en colaboración con Statista, FT 1000: Europe’s Fastest-Growing Companies, figuran as 1.000 empresas europeas cunha maior taxa de crecemento nos últimos anos. Nel resáltase ás entidades que actúan como forza motriz da economía europea.
Non é a primeira vez que o Financial Times se fixa en Da Veiga. No 2018 alcanzaba xa o posto 503 e como relata o coordinador “daquela colleunos de sorpresa”. Este ano volve a aparecer, esta vez no posto 548 cun crecemento acumulado no período analizado 2014-2017 do 315%.
Esta empresa galega de alimentación cóase no ecuador dun listado dominado por entidades do sector da tecnoloxía, construción e servizos con sede en países de Alemaña, Reino Unido e Francia, principalmente.
O proxecto que comezou da man de 5 empregados, na actualidade conta con máis de 50 persoas traballando nas súas instalacións de Chantada, cunha produción de máis de 4.000 quilos de Galletas Mariñeiras ao día e cunha facturación de 4.700.000 euros no último ano.
Dende a compañía reiteran que sempre quixeron "apostar polo medio rural e a economía social, cultivar un proxecto intensivo en man de obra e que crease valor engadido no entorno próximo". Para eles figurar en ránkings coma este axudan a facer visíbel a idea da que partiron inicialmente: "Se se aposta, o rural e a economía social teñen futuro".