Releva a Jesús Chenel
José Fernández Alborés, novo presidente da Asociación Área Empresarial do Tambre
A asemblea xeral da Asociación Área Empresarial do Tambre rubricou a única candidatura presentada ás eleccións de xunta directiva, encabezada por José Fernández Alborés, quen releva na presidencia a Jesús Chenel Noya.
José Fernández Alborés, que representa a Artesanos del Aluminio S.L. (Arteal) e xa era vicepresidente con Chenel, naceu en Santiago en 1954. É socio cofundador de Arteal, firma que naceu en 1994. A súa paixón é o tenis de mesa, actividade que patrocina con gran éxito, e o deporte en xeral.
Acompañan a Fernández Alborés neste mandato Francisco Xavier Freire Chico (Freire Chico S.L.), Jesús Ferradáns Barreiro (Gamelsa, S.A.), Ramón Lois Lorenzo (Orballo Compostela, S.L.), Flora Mariño Riveiro(Casty Romer, S.L.), Ramón Otero Caritón (Jaime y Ramón Otero Caritón, S.L.), Elías Domingo Rozas (Pedra Salgada, S.L.),María Pais Fajín(Grupo Quatrium), Manuel Nieto García (DST Software S.L.), Ramón Vázquez Pérez (Maderas Vázquez, S.L.) e Manuel García Pombo (Teleco Galicia, S.L.).
Continuidade e reivindicación de proxectos
A nova directiva quere dar maior pulo á entidade fundada hai corenta anos baixo a presidencia de Manuel Caeiro Varela, así como continuidade aos proxectos en marcha. “Reivindicamos a construción do orbital e a do orbitaliño como peche das infraestruturas imprescindibles para toda a área empresarial de Santiago. E, por outra parte, estamos traballando arreo coa Xunta, o Concello, a Universidade, a Cámara de Comercio e varios clústeres na configuración dun nodo loxístico innovador nos sectores das biotecnoloxía e a madeira, chamada a Mesa de A Sionlla”, segundo indica a nova xunta directiva.
Por outra parte, o novo presidente agradeceu “encarecidamente” o traballo constante de tantos anos que lle dedicou Jesús Chenel á asociación, “un tempo longo no que se loitou pola recente variante de Aradas, os novos accesos ao polígono do Tambre, a consolidación de convenios coas Administracións Públicas en materia de emprego e formación, entre outros proxectos”. Jesús Chenel optou por dar o relevo á fronte da entidade, logo de tres mandatos: “Foron doce anos intensos, sen desmaio e hai que ceder o paso a outras persoas. Tamén estou moi agradecido a todos os directivos e ás persoas que me axudaron nesta honrosa tarefa de presidir o Tambre”.