Polo seu innovador deseño e as características técnicas do seu envase
A empresa galega H. Paniagua, premiada nos Sleeve Label Awards 2023
A empresa galega H. Paniagua, dedicada á elaboración de licores desde 1878, acaba de ser galardoada polo deseño da súa nova liña de bebidas “La Pócima”, nos Sleeve Label Awards 2023 celebrados en Ámsterdam.
Estes prestixiosos galardóns, que conmemoran a súa novena edición, son os únicos premios independentes dedicados a recoñecer os éxitos máis destacados no etiquetado de envoltorios retráctiles en todo o mundo. A empresa galega recibiu unha Mención Honorífica na categoría de bebidas espirituosas polo seu innovador deseño e as características técnicas do seu renovado envase.
A compañía aposta firmemente pola innovación e a sustentabilidade, incorporando nos seus envases un pre-corte lonxitudinal e un indicativo que permite separar os distintos elementos e fomentar así a súa reciclaxe. Este aspecto, xunto co uso de “tinta invisible”, que cobra vida baixo a luz ultravioleta, e o seu exclusivo efecto táctil de area, foron aspectos que levaron á consecución deste galardón.
Para o desenvolvemento da identidade visual de La Pócima, H. Paniagua traballou con IPE Industrias Gráficas e o estudo de deseño ourensán Be:Do Creativos.
A empresa, con sede no Carballiño, é unha das beneficiarias da segunda edición do programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas innovadoras “Galicia Avanza”. O programa é froito da colaboración entre a Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole).