Sortearán 12.000 euros en tarxetas regalo
O comercio galego celebra a campaña "Días Azuis" o 5 e o 25 de xuño
O presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas López e a directora de Banca de Particulares de Abanca, Bárbara González presentaron unha nova edición da campaña “Días Azuis do Comercio Galego”
Coa posta en marcha da campaña "Días Azuis do Comercio Galego" preténdese potenciar, fomentar, estimular e impulsar o comercio de proximidade galego, ao mesmo tempo que se pon en valor o seu importante papel económico e social.
Esta proposta, que chega este ano á súa undécima edición, desenvolverase entre o 5 e o 25 de xuño, coa colaboración dos establecementos de máis de 160 asociacións e entidades de Galicia. Durante este período, os clientes que merquen nos establecementos minoristas poden participar no sorteo de ata 12.000 euros, repartidos en tarxetas prepago regalo de 150 e 250 euros.
Jose María Seijas sinalou que esta campaña “quere contribuir a fomentar as compras nos establecementos físicos, achegando ó consumidor ás nosas rúas e ás nosas tendas”, co incentivo engadido de poder gañar un dos atractivos premios a sortear nesta iniciativa e poder volver a mercar no comercio local”. Trátase polo tanto, dunha campaña que axuda a consumidores e a comerciantes e que dá continuidade ao programa Bonos Activa Comercio, recentemente finalizado.
Pola súa banda, Bárbara González Sanromán, salientou que esta nova edición será “un novo revulsivo para dinamizar as vendas no pequeno comercio galego", e remarcou a “importante contribución deste sector cara un modelo económico máis sostible e circular nas nosas vilas e cidades”.
A campaña “Días Azuis do comercio galego” está organizada pola Federación Galega de Comercio e a Xunta de Galicia. Conta tamén coa colaboración de ABANCA, entidade que aporta os premios, así como das federacións provinciais de comercio, asociacións de comerciantes e centros comerciais abertos de toda Galicia.