Xuntanza da Federación Galega de Comercio coa directora xeral da Xunta
Os comerciantes galegos reclaman retomar as dúas tempadas de rebaixas
A directiva da Federación Galega de Comercio (FGC) mantivo esta mañá unha reunión coa directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, para expoñerlle as súas propostas e demandas ante a difícil situación que está atravesando o sector en Galicia.
No encontro, que tivo lugar na sede da Federación Galega de Comercio (FGC) en Lugo, os representantes dos comerciantes expuxeron amplamente a súa visión do sector e presentaron á directora xeral de Comercio un amplo abano de propostas, entre as que destacan melloras nos programas de axudas e subvencións; o incremento do apoio para actuacións de promoción, animación e publicidade; a creación dunha liña específica para proxectos colectivos de dixitalización e modernización; ou dotacións para a formación e profesionalización, entre outros aspectos.
Na xuntanza tamén se abordou con profundidade a necesidade de acadar melloras na normativa aplicable ao sector. Neste punto, a FGC traslada continuamente propostas e alegacións ás administracións competentes, a nivel estatal, autonómico e local, presentando a situación real e actual do comercio de proximidade, as dificultades, obstáculos e retos que afronta continuamente para adaptarse aos novos tempos, modernizarse, renovarse e manter a súa competitividade. Na reunión falouse amplamente da necesidade de retomar a implantación de dúas temporadas de rebaixas, eliminando a liberalización destos periodos. Un tema que preocupa moitísimo ao sector e que o presidente da FGC, José Maríal Seijas, tratou tamén coa ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, na súa recenté visita a Galicia.
Asimesmo, falouse da necesidade de limitar a concesión de licencias ou autorizacións para a apertura de novos centros comerciais ou grandes superficies; plantexáronse melloras no réxime de autónomos e para a contratación de empregados; e suxestións en canto á normativa de protección de datos, dereitos de propiedade intelectual ou regulación da venda online; entre outras.
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, amousou o seu total apoio ó comercio de proximidade e comprometeuse a estudiar os puntos que lle competen directamente, así como a seguir traballando man a man coa Federación para apoiar firmemente ao sector do comercio perante os grandes retos que se lle presentan.