O sindicato denuncia que a empresa "busca crear as condicións para xustificar un ERE"
A CIG, preocupada pola parada da actividade en dous fornos en Ferroatlántica
A sección sindical da CIG en Ferroatlántica Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas vén de expresar a a súa preocupación pola decisión da dirección da compañía de parar a actividade dos fornos 13 e 14 durante seis meses, a partir de xaneiro.
Para a representación da CIG a paralización dos fornos non obedece a causas obxectivas, "senón a un novo intento de Ferroatlántica de deslocalizar a produción". Así, desde o sindicato explican que se está a desviar a produción e que os clientes máis próximos ás fábricas da Costa da Morte (como Megasa Portugal) serán subministrados por outras empresas do grupo. Por iso consideran que, con esta medida, Ferroatlántica "está traballando para crear as condicións que lle permitan xustificar un expediente de regulación de emprego".
Desde a central sindical entenden que o ERE non sería entendible nin estaría motivado, "atendendo aos bos resultados económicos obtidos durante o ano 2018 e á vinculación coas centrais hidroeléctricas, que converten a Ferroatlántica en produtora de enerxía e nunha das beneficiarias dos elevados prezos da electricidade".
En calquera caso, a parada dos fornos ten consecuencias directas no emprego na comarca, posto que as compañías auxiliares xa comunicaron ao seu persoal que deixarán de traballar ao rematar decembro. "Que non funcionen os fornos 13 e 14 tamén implica que non se renovarán os contratos eventuais nin se realizarán contratacións por substitucións de vacacións, baixas, etc.", recorda a sección sindical da CIG.
Desde a CIG fan un chamamento á Xunta para que actúe "de xeito inmediato" e evite "o peche de centros de traballos e/ou de unidades produtivas que parece buscar a empresa". A representación da central nacionalista instará ao comité de empresa a iniciar de inmediato unha rolda de contactos institucionais e solicitar unha reunión co conselleiro de Industria co obxectivo de abordar o futuro do complexo industrial da Costa da Morte.