Ofértanse 180 prazas
Un cento de empresas, inscritas no programa "Responsabilízate" para impulsar a súa competitividade a través da RSE
O programa permite asesorar de xeito gratuíto ás firmas participantes na incorporación de criterios sostibles á súa xestión a través da aplicación de valores ambientais, sociais e de gobernanza. A actuación, ademais, inclúe o acompañamento na posta en marcha de medidas que fomenten a igualdade de oportunidades.
Actualmente, as empresas xa inscritas, máis de 100, atópanse nunha primeira fase de diagnose para detectar os puntos fortes e aquelas áreas de mellora en materia de sostibilidade, ademais de coñecer en profundidade o seu modelo de negocio para poder aliñalo cos criterios e obrigas ASG (Ambiental, Social, e de bo Goberno).
As pemes interesadas en participar aínda están a tempo de facelo, pois o prazo de inscrición en Responsabilízate continúa aberto na sede electrónica da Xunta ata completar as 180 prazas previstas
Empresas destinatarias do programa
Responsabilízate diríxese ás pequenas e medianas empresas que non superen os 50 millóns de euros de volume de negocio anual ou ter balance anual inferior a 43 millóns de euros. Con esta iniciativa, a Xunta reforza o seu compromiso no apoio ao tecido empresarial galego impulsando a súa competitividade nun contexto de transformación no que as prácticas como a xestión responsable das persoas, a adaptación a unha economía baixa en carbono, ou o desenvolvemento de condutas éticas na cadea de subministración, son claves para o posicionamento das empresas.
A aplicación de criterios de RSE reporta para a empresa beneficios tanto internos como externos. Dentro do seu propio funcionamento, incrementan a súa capacidade innovadora, a eficiencia de procedementos e baixa dos custos, unha maior xestión de crises ou a fidelidade tanto do persoal como da clientela, entre outros. Cara ao exterior, contribúese a mellorar a reputación das firmas, así como a abrir novas oportunidades de negocio, reducir riscos e mellorar as relacións coas comunidades locais.
Ademais, a Xunta pretende que as pemes se anticipen ás esixencias europeas en materia de igualdade laboral, transparencia, economía circular, dereitos humanos ou loita contra o cambio climático desde o mundo da empresa, a través do programa formativo de 20 horas ao que accederán as empresas beneficiarias de Responsabilízate a partir de outubro. Dentro desta formación tamén se inclúen cinco horas de asesoramento personalizado por parte de expertos para desenvolver unha folla de ruta.
A través deste programa, o Goberno galego persegue que as empresas sexan máis competitivas, facilitando a súa adaptación ás esixencias dos grandes clientes, do mercado de consumo e das novas obrigas sociais e administrativas, ao mesmo tempo que retén o talento empresarial na comunidade.