Funciona desde fai máis dunha década
A Cámara de Santiago impulsou a creación de 62 empresas a través do seu programa de apoio empresarial á muller
O Programa de Apoio Empresarial á Muller (PAEM) da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela rexistrou o ano pasado 347 usuarias e 460 demandas de asesoramento, ademais de axudar a crear 62 empresas e 82 postos de traballo asalariado.
A Cámara de Comercio de Santiago desenvolve desde hai máis dunha década este programa específico de apoio empresarial á muller, que demostrou ser “un instrumento eficaz” tanto para crear e consolidar empresas lideradas por mulleres como para fomentar no xénero feminino cualidades como a cooperación e a innovación empresarial e tecnolóxica.
O perfil da emprendedora que acode ao PAEM é o dunha muller de entre 25 e 55 anos, que leva entre un e dous anos sen traballar e que conta con estudos superiores. En referencia ao tipo de actividade polo que opta, lideran o ranking as empresas dedicadas ao comercio e servizos.
O programa apoia calquera fase do proxecto, tanto no inicio da idea empresarial, como na súa posta en marcha e consolidación.
A través do PAEM, as emprendedoras poden acceder a un microcrédito sen avais de ata 25.000 euros, grazas a un acordo entre a Cámara de Comercio de España e Microbank-La Caixa. Para tal fin a Cámara compostelá elabora coa emprendedora o plan de empresa e axúdalle a tramitar a solicitude do microcrédito.