A convocatoria ábrese o 11 de maio
A Cámara de Santiago destina 209.400 euros ao programa InnoCámaras
A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela abre a convocatoria pública das axudas do programa InnoCámaras para o desenvolvemento de plans de implantación de solucións innovadoras para os que destinará 209.400 euros.
O obxecto das axudas é poder desenvolver plans de implantación de solucións innovadoras, que inclúen unha fase gratuíta de asesoramento e diagnóstico e outra fase de implementación, prefinanciada na súa totalidade pola empresa beneficiaria e cofinanciado ao 80% por FEDER, sendo a cuantía máxima financiable por empresa de 7.000 euros. E o 20% adicional estará financiado pola Cámara de Comercio de Santiago e as propias empresas beneficiarias, pemes e autónomos da demarcación.
O texto completo da convocatoria está a disposición das empresas na web da Cámara e na súa sede electrónica, onde se poderá consultar e descargar a documentación, a solicitude de participación e realizar a tramitación electrónica mediante firma dixital. As empresas poderán presentar a súa solicitude a partir do día 11 de maio e ata o 31 de outubro, ou ata esgotar o orzamento da convocatoria.