Os activos superan por primeira vez os dous mil millóns de euros
Caixa Rural Galega supera os 21 millóns de euros de beneficio no exercicio 2023
Caixa Rural Galega celebrou a pasada fin de semana asemblea xeral, na que se aprobaron as contas do exercicio 2023, un exercicio no que o beneficio neto da entidade financeira con sede en Lugo superou os 21 millóns de euros, o que supón un incremento superior ao 140% respecto do ano anterior e novamente unha cifra récord.
O incremento do beneficio debeuse á mellora de marxes froito da subida de tipos de xuro oficiais que levou a cabo o Banco Central Europeo ao longo do exercicio, así como á rapidez e intensidade desta suba, sinalan desde a Caixa Rural galega. Unha situación moi diferente da de anos anteriores na que os tipos de xuro negativos penalizaban de xeito significativo as contas de resultados do sector.
As contas recollen uns activos que superan por primeira vez os dous mil millóns de euros e que supoñen un crecemento algo superior ao 3,50% respecto do ano anterior. Os depósitos de clientes acadan os 1.842 millóns de euros e o investimento crediticio acada 851 millóns de euros, en termos netos, o que supón uns incrementos para ambas partidas do 5,6% e do 3,1% respectivamente. O investimento crediticio bruto acadou os 867 millóns de euros, cun incremento de 37 millóns, o que supón un 4,47% respecto do exercicio anterior.
A morosidade pechou o exercicio no 2,71%, algo inferior á do exercicio anterior e por baixo da media do sector, algo a destacar nun contexto de subida de tipos de xuro, inflación e incertezas no ámbito internacional, destacan desde a entidade.
A ratio de solvencia acada o 19,01% cunha mellora de máis de tres puntos porcentuais respecto do ano anterior, debido ao excepcional resultado, o que permite superar con folgura os requirimentos do regulador. Esta mellora afianza a fortaleza da entidade de cara seguir medrando no futuro, apuntan desde a Caixa Rural Galega.
Análise do contexto actual e previsións de futuro
No transcurso da asemblea xeral, celebrada o pasado sábado 11 de maio en Lugo, o presidente da Caixa Rural Galega, Manuel Varela, lembrou que estamos ante tempos de importantes transformacións como a desaceleración da globalización ca volta a comportamentos máis proteccionistas, a loita contra o cambio climático, a transición enerxética, a transformación dixital, a aparición de novas tecnoloxías como é o caso da Intelixencia Artificial, ou mesmo o envellecemento da poboación en Europa. Todo isto, xunto ás crecentes tensión internacionais, coa guerra de Ucrania sen resolver e o recente conflito en Oriente Medio, implican grandes retos para o futuro, pero tamén traerán consigo importantes oportunidades que a caixa deberá ser capaz de aproveitar.
Varela destacou que o ano 2023 foi un ano excepcional para a entidade polo resultado acadado que permite un destacado incremento da solvencia. Comentou que este importante crecemento produciuse porque a entidade estaba especialmente preparada para unha subida de tipos, entre outras cousas porque entendía que este é un escenario máis normal, aínda que chegara máis tarde do esperado.
En relación ao futuro, a Caixa Rural Galega espera que o ano 2024 seguirá sendo incerto pola desaceleración económica, a inflación e polo complexo escenario político nacional e internacional, pero espera seguir medrando e acometer a apertura de novas oficinas. Prevé baixadas de tipos na segunda metade do ano pero sen volver a niveis dos anos precedentes.