A entidade abriu unha nova oficina en Pontevedra no último ano
Caixa Rural Galega logra en 2018 un récord de beneficios: case 5,4 millóns de euros
Caixa Rural Galega celebrou o pasado sábado a súa asemblea anual este sábado ca presenza do Consello Reitor da cooperativa de crédito e os representantes de Xuntas Preparatorias que tiveron lugar nas últimas semanas en Monforte de Lemos, Lugo, Meira, A Coruña e Ourense.
O punto máis relevante da orde do día foi a aprobación das contas do exercicio pasado, das que destaca un beneficio neto de case 5,4 millóns de euros, cifra nunca antes acadada. As contas recollen uns activos que superan os mil millóns de euros e que igualmente supón outro fito na historia da Caixa Rural Galega, que non deixou de medrar ao longo da súa traxectoria.
Os depósitos de clientes supoñen case os mil millóns de euros e o investimento crediticio supera os cincocentos millóns de euros, acadando ambas partidas crecementos do 9,45% e 11% respectivamente. A entidade pechou o exercicio cunha ratio de morosidade do 6,24 % que continúa a súa tendencia á baixa, en clara recuperación tras os anos máis difíciles da recente crise. Aratio de solvencia acada o 13,27% que lle permite cumprir con folgura os requirimentos normativos.
O presidente da entidade, Manuel Varela, cualificou o exercicio 2018 como exitoso, o mellor da historia de Caixa, pese ás dificultades do momento como as incertezas económicas, a inseguridade xurídica ou a persistencia de tipos de xuro extremadamente baixos que dificultan a actividade de intermediación financeira. Non cabe por elo afirmar que esteamos ante unha conxuntura favorable, polo que a realidade actual obrigará a continuar redobrando esforzos e seguir mellorando a eficiencia ante unha situación que axusta as marxes de forma extraordinaria, pero que sen dúbida serán acompañados pola confianza dos socios de Caixa Rural Galega e polo traballo do seu equipo humano, destácase desde a Caixa Rural Galega.
Apertura dunha nova oficina
Pese a todo, a entidade segue sendo optimista e espera continuar a súa senda de crecemento, apostando pola súa rede de oficinas e a atención persoal que a caracteriza, sen ter pechado ata de agora ningunha das oficinas existentes e tendo aberto no ano 2018 a última na cidade de Pontevedra. Unha traxectoria que se pode considerar a contracorrente, dado que o sector está inmerso nun proceso de redución de capacidade, fundamentalmente nas redes de oficinas, de xeito que na última década pecharon preto de 20.000 oficinas en todo o territorio nacional.