Caixa Rural Galega acada un beneficio neto de 5,75 millóns de euros
A asemblea xeral de Caixa Rural Galega vén de aprobar as contas anuais de 2020, no que a entidade logrou un beneficio neto de 5,75 millóns de euros, cifra que supera lixeiramente a de 2019 e que supón sete anos consecutivos con incremento de resultados.
Caixa Rural Galega celebrou a súa asemblea xeral anual o pasado sábado 3 de xullo coa presenza do consello reitor da cooperativa de crédito e os representantes das xuntas preparatorias celebradas durante estas últimas semanas nas localidades de Chantada, Ribadeo, Santiago de Compostela e Lugo marcadas, ao igual que no ano 2020, polas medidas de protección contra o covid-19.
As contas de 2020 recollen uns activos que acadan case os 1.500 millóns de euros e que supoñen un crecemento do 23% respecto do ano anterior. Os depósitos de clientes supoñen case 1.280 millóns de euros e a inversión crediticia acada os 690 millóns de euros, o que supón para ambas partidas crecementos do 18% e do 24% respectivamente. A entidade pechou o exercicio cunha ratio de morosidade do 3,51% continuando a súa tendencia á baixa, en clara recuperación tras os anos máis difíciles da recente crise, e pese ás incertezas provocadas pola pandemia e o intenso retroceso do PIB no ano 2020. A ratio de solvencia acada o 14,29% cumprindo, como en anos anteriores, os requirimentos do regulador.
Nomeamento de vicepresidente e valoración do presidente
Tamén estaba na orde do día a elección de vicepresidente pola baixa do anterior, Venancio Rocha, que deixou o consello reitor de xeito voluntario tras máis de trinta anos de presenza no mesmo. Sempre vinculado ao mundo agrario e rural, Venancio Rocha ostentou cargos tan destacados como a presidencia da Cooperativa Os Irmandiños, a da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA), ou a vicepresidencia do Consello Galego de Cooperativas, entre outros. Resultou elixido para o cargo Ángel Ramil Castelo, membro do Consello Reitor desde o ano 2002 e actual Secretario do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida San Simón da Costa.
O presidente de Caixa Rural Galega, Manuel Varela, cualificou o exercicio 2020 como exitoso, acadando niveis de crecemento nunca antes vistos na entidade, pese ás dificultades da pandemia con retrocesos históricos do PIB e á persistencia de tipos negativos que dificultan a rendibilidade da actividade e cando aínda non se cicatrizaron as feridas da anterior crise. Con todo, manifestou a súa confianza en que a segunda metade de 2021 sexa a da volta á normalidade e que se poida deixar atrás o pesadelo da pandemia. O Presidente aproveitou, ademais, para agradecer expresamente o esforzo de todos os profesionais que forman o equipo humano de Caixa Rural Galega, tras un ano de enormes dificultades.
Así, a entidade afronta o futuro con optimismo por canto os niveis de crecemento veñen corroborar que o modelo de banca cooperativa que esta propón, apoiándose nun equilibrio entre a dixitalización e a atención persoal da súa rede de oficinas, segue a ser unha proposta ben acollida entre os galegos e galegas.