O incremento , do 40%, é froito da mellora de marxes
Caixa Rural Galega acada 9 millóns de euros de beneficio neto en 2022
O incremento dos beneficios de Caixa Rural Galega é froito da mellora de marxes respecto a anos anteriores nos que os tipos de xuro negativos penalizaban de xeito significativo as contas de resultados do sector.
As contas recollen uns activos que acadan preto de dous mil millóns de euros e que supoñen un crecemento algo superior ao 12% respecto do ano anterior. Os depósitos de clientes superan os 1.700 millóns de euros e a inversión crediticia acada 825 millóns de euros, con incrementos para ambas partidas do 14% e do 8% respectivamente.
A morosidade pechou o exercicio no 2,82%, algo superior á do exercicio anterior, pero de xeito moi contido tendo en conta a desaceleración económica que experimentou o exercicio e as incertezas que aportaban a guerra de Ucraína e os prezos enerxético ao longo o exercicio. A ratio de solvencia acada o 15,70% cumprindo, como en anos anteriores, os requirimentos do regulador e incrementándose en preto de medio punto respecto do exercicio precedente.
O presidente de Caixa Rural Galega, Manuel Varela, lembrou que asistimos nos últimos anos a un retroceso continuo de oficinas bancarias, sobre todo nos municipios máis pequenos, debido á dixitalización dos servizos bancarios. Pero neste contexto a denominada fenda dixital está a dificultar o acceso a servizos elementais a un amplo sector da poboación, o que provocou movementos para reclamar un mellor acceso aos servizo bancarios básicos. Neste contexto a entidade continúa coa súa política de manter o servizo prestado pola súa rede.
Destacou que o ano 2022 foi de máis a menos en canto á evolución de indicadores económicos, aínda que quedou esquivada a recesión. O ano experimentou unha escalada de prezos preocupante que trouxo perdas importantes de poder adquisitivo. Ademais, o ano 2022 foi o do xiro da política monetaria do BCE traendo unha subida de tipos de interese ata niveis de 2008, o que engadiu tensión as economías de moitas familias e empresas.
En relación ao futuro, a entidade espera que o ano 2023 será difícil pola desaceleración económica, a inflación e a suba de tipos, ademais das incertezas que seguen a infundir a guerra de Ucraína. Con todo, confía en que sexa outro bo exercicio para a Caixa Rural Galega, se a morosidade segue a comportarse razoablemente ben.