Máis de 750 produtos contan con esta certificación
Cabo de Peñas, quinta conserveira en sumarse ao selo Galicia Calidade
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, entregou este xoves o selo de Galicia Calidade a Cabo de Peñas, sinalando que nesta marca senlleira con máis de 120 anos de traxectoria se atopa a herdanza e a tradición da industria conserveira galega mesturada cos avances tecnolóxicos máis innovadores do sector.
Na visita ás instalacións da empresa en Vilaboa (Pontevedra), Conde subliñou o compromiso de Cabo de Peñas co tecido industrial da comarca e o emprego, coa sustentabilidade e coa trazabilidade dos produtos do mar, apostando pola calidade da materia prima.
Así, apuntou, Cabo de Peñas engrandece a marca Galicia Calidade, o mesmo que ocorre coas 148 empresas e máis de 750 produtos que contan actualmente con esta certificación autonómica. No sector das conservas, son cinco as compañías avaladas por Galicia Calidade: Jealsa, Escurís Batalla, Cortizo e a propia Cabo de Peñas, ademais da Rosaleira, centrada nas conservas vexetais.
Sector conserveiro
O responsable de Economía, Industria e Innovación puxo en valor o peso do sector conserveiro galego, que xera 15.000 postos de traballo directos; facturou o ano pasado máis de 16.000 millóns de euros e incrementou en 2021 o valor das súas exportacións, ata acadar os 1.132 millóns de euros, con vendas a máis de 120 países, onde exporta o 60% da súa produción.