Con varias opcións de financiamento
APECCO asina un acordo con Abanca para acceder ao crédito
Abanca e a Asociación Provincial de Empresarios da Construción da Coruña (APECCO) veñen de asinar un novo convenio financeiro co obxectivo posto en mellorar o acceso ao crédito dos autónomos e pemes de toda a provincia.
O presidente dos construtores coruñeses, Diego Vázquez Reino, e o coordinador de Negocio Institucional de Abanca na Coruña, José Manuel Vilariño, rubricaron un acordo que renova a aposta que mantén a entidade financeira co tecido empresarial da Coruña.
O novo documento facilita que os empresarios asociados á organización accedan a unha ampla oferta financeira con condicións moi vantaxosas respecto ao mercado. Así, poderán contratar produtos como pólizas de crédito, préstamos persoais e hipotecarios, leasing mobiliario, anticipos (sen xuros ou comisións), avais ou liñas de desconto comercial. Do mesmo xeito, os empresarios poderán acceder ás liñas de financiamento oficial do ICO e Igape, así como aos programas de crédito canalizados a través da sociedade de garantía recíproca Afigal.
O acordo garda un importante espazo para impulsar as obras que contribúan á mellora da eficiencia enerxética dos fogares e negocios, grazas ao Plan Activamos asinado coa Deputación da Coruña.
Ademais, co fin de facilitar a competitividade dos asociados no mercado, os clientes poderán beneficiarse do servizo de financiamento no punto de venta de Abanca, o chamado APLAZOS. Deste xeito, é posible simplificar e axilizar o financiamento instantáneo de produtos e servizos. Do mesmo xeito, os empresarios adheridos poderán acceder ás vantaxes que ofrece o Programa Cero Comisións.