Produce 400.000 botellas ao ano
A Adega Terra de Asorei recibe o selo Galicia Calidade
A Adega Terra de Asorei vén de recibir o selo de Galicia Calidade, un certificado co que xa contaban outras 14 adegas galegas.
Nunha visita ás instalacións da adega en Meis (Pontevedra), o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, definiu o proxecto de Terra de Asorei como “moderno e diferenciado”, o que a está a posicionar nunha comarca, a do Salnés, que destaca polos seus caldos, xa que desenvolve na súa xestión as claves para o éxito no mercado que, segundo Conde, son o coñecemento, a innovación, o produto de calidade e o entusiasmo e paixón.
De feito, nas súas novas instalacións, o titular de Economía explicou que mesturan o coñecemento empresarial e adegueiro coas últimas innovacións en tecnoloxía e equipamento. A aposta pola modernización, un feito no que incide o Goberno galego para que a industria galega sega crecendo e exportando, permítelle na actualidade á adega do val do Salnés unha capacidade para producir 400.000 botellas ao ano. A empresa, que naceu hai máis de 70 anos, produce na actualidade nas súas 60 hectáreas de viñedo tres marcas da D.O Albariño e exporta a unha decena de países, onde factura hoxe en día o 35% das súas vendas. A compañía está presente en países como Reino Unido, Holanda, Estados Unidos e Xapón.
Conde puxo en valor que nesta aposta pola modernización resalta o seu impulso pola Adega 4.0, que está en concordancia co modelo de futuro polo que avoga a Xunta para o tecido empresarial en Galicia: a Industria 4.0. Para iso, Terra de Asorei centra os seus investimentos en mellorar a produción, o que repercute nun control máis exhaustivo da calidade da uva durante todo o proceso, desde a cepa ata a súa elaboración e posterior comercialización.
Así mesmo, afirmou que esta aposta se traduce en novas oportunidades de negocio colaborando co Clúster da Alimentación para participar en proxectos que incrementen a súa presenza no mercado dixital e, deste xeito, mellorar as súas vendas en liña.
Selo Galicia Calidade
Na actualidade son 96 firmas e máis de 350 produtos os que dispoñen do selo Galicia Calidade. Deles, 14 son adegas das cinco denominacións de orixe: sete de Rías Baixas, dúas de Monterrei, dúas de Valdeorras, unha do Ribeiro e dúas da Ribeira Sacra. De feito, o ámbito agroalimentario representa a metade das empresas quc ontan con esta certificación. “Galicia Calidade está ao servizo das empresas para axudarlles nos procesos de internacionalización, sempre vincualdos ao territorio e a tradición”, resaltou Francisco Conde.