Acceso en condicións melloradas aos seus servizos financeiros
Abanca renova o seu convenio co Polígono de San Cibrao das Viñas
Abanca e a Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas veñen de renovar o convenio de colaboración que une ás dúas entidades.
Grazas a este acordo, rubricado polo presidente da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao, Elías Mera, e o director territorial de Abanca en Ourense, Rubén Saavedra, impúlsase o crédito as empresas, pemes e autónomos do polo industrial ourensán.
O convenio facilita que os empresarios asociados accedan a condicións melloradas na contratación de produtos como pólizas de crédito, préstamos persoais e hipotecarios, easing mobiliario, avais, anticipos ou liñas de desconto. O documento tamén pon a disposición dos asociados liñas de financiamento especial grazas ao Plan Activamos asinado coa Deputación de Ourense.
Do mesmo xeito, os asociados poderán beneficiarse das fórmulas de financiamento oficiais incluídas nos convenios que a entidade financeira mantén con ICO e Igape, así como coa sociedade galega de garantía recíproca Sogarpo.
O acordo tamén inclúe condicións melloradas na contratación de TPV (Terminais Punto de Venda) da entidade ou as vantaxes do Programa Cero Comisións da entidade bancaria.
Doutra banda,o banco porá á disposición da Asociación persoal especializado en xestión de seguros, quen informará das pólizas que mellor se adapte ás necesidades de cada asociado.
O Polígono de San Cibrao é o maior da provincia de Ourense, con máis de 320 empresas instaladas que dan traballo a máis de 8.000 persoas. Abanca conta coa única sucursal deste parque empresarial.