Unha liña de factoring a medida
Abanca facilita unha fórmula de financiamento dos cobros aos mexilloeiros de Opmega
Abanca Abanca vén de poñer en marcha unha modalidade de financiamento que se adapta ás particularidades dos mexilloeiros de Opmega, a Organización de Produtores de Mexilón de Galicia.
A presentación desta nova fórmula de crédito máis sinxela e máis rápida destinada ao colectivo de mexilloeiros tivo lugar esta mañá na sede de Opmega en Vilagarcía e contou coa participación do conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas, e do presidente de Opmega, Ricardo Herbón. Ao acto tamén asistiron a directora territorial de Abanca en Pontevedra, Carmen Fernández, o vicepresidente Juan Fungueiriño e o director de Operacións de Opmega Lino Suárez, así como outros membros das 11 asociacións que integran Opmega, e responsables do banco na zona de influencia.
Os preto de 540 mexilloeiros que engloba Opmega, na súa maioría autónomos e pequenas empresas, poderán avanzar o cobro das súas facturas grazas a unha liña de factoring subscrita entre Abanca e a organización. Trátase dunha fórmula de liquidez confeccionada a medida e case inmediata, na que se simplificaron os trámites para primar o anticipo de crédito. Vai permitir que o colectivo poida facer fronte aos gastos correntes e gañe en estabilidade.
Compromiso co mundo do mar
Con esta operación, ABANCA redobra o seu compromiso co mundo do mar e toda a cadea de valor do segmento, ata consolidarse como o socio financeiro de referencia para os mexilloeiros de Opmega. O banco mantén un estreito traballo con numerosos axentes do sector para adaptarse ás súas necesidades de crédito e contribuír á mellora da competitividade dunha das actividades económicas máis relevantes de Galicia, tanto de maneira directa como a través da súa industria transformadora e auxiliar. A entidade financeira toma o pulso das necesidades do sector grazas á súa unidade especializada Abanca Mar, presentada en Conxemar en 2016.
Pola súa parte, Opmega é a agrupación de produtores máis relevante e a maior comercializadora de mexillóns de Galicia, xa que representa a pequenos produtores con case 800 bateas nas rías de Vigo, Pontevedra, Arousa e Muros-Noia.