Margarita Ardao asume o cargo de directora xeral
A Xunta crea unha nova Dirección Xeral para as políticas de emprendemento
A nova Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego reunirá e coordinará todas as competencias relacionadas co emprendemento empresarial, con servizos de apoio, asesoramento e aceleración, co obxectivo de favorecer o crecemento e a consolidación do emprego en Galicia.
O novo órgano directivo integrará a totalidade dos instrumentos que a día de hoxe existen ou están en proceso de creación, como por exemplo a Rede de Polos de Emprendemento de Galicia, que suporá a implantación de 12 polos distribuídos por toda a comunidade autónoma para realizar tarefas de avaliación de potencialidades de negocio en cada comarca. Tamén se ofrecerá asesoramento, orientación e titorización ao potencial emprendedor, con atención a quen inicia a súa actividade ou a quen desexa consolidala ou reorientala, así como espazos de coworking. A rede comeza a súa implantación este ano coa creación de catro polos, un en cada provincia.
Nova estrutura da Consellería
Cos cambios anunciados no último Consello da Xunta e publicados este venres no Diario Oficial de Galicia, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade queda estruturada nos seguintes órganos superiores e de dirección: unha Secretaría Xeral Técnica; unha Secretaría Xeral da Igualdade; unha Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social; a Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego; a Dirección Xeral de Relacións Laborais e a Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación.