Nun acto con mozos emprendedores en Mondoñedo
A Xunta avanza a apertura do novo Polo de emprendemento de Sarria
A actividade buscaba estimular a creatividade e facilitar o intercambio de ideas, fomentando a exploración de oportunidades de emprendemento. A través de distintas experiencias de persoas mozas en primeira persoa, ábrese así un foro de debate para impulsar a mentalidade emprendedora e proporcionar á xente nova unha serie de coñecementos prácticos.
O encontro tamén serve para dar a coñecer a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, que presta asesoramento individualizado en calquera fase en que se atope os proxectos empresariais, de principio a fin. O obxectivo é facer dos Polos verdadeiros centros de dinamización dos territorios nos que se asentan, sobre todo no rural, converténdoos en auténticos foros de interlocución que permitan recoller as demandas da poboación e dar resposta desde a Administración coa colaboración do sector privado.
A Rede leva atendido máis de 1.200 proxectos en toda Galicia, dos que máis de 270 se asesoraron na provincia lucense. Entre o máis de medio cento de iniciativas que chegaron ao Polo de emprendemento de Mondoñedo, predominan as relacionadas coa hostalaría, seguidas das relativos ao comercio e das que teñen que ver coa agricultura, a gandaría, a silvicultura ou a pesca.
O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, aproveitou a xornada para visitar as instalacións que xa están listas para acoller o Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Sarria, que comezará a funcionar en breve.
Este centro elevará a cinco o número de polos da provincia de Lugo, tras os de Mondoñedo, Monforte de Lemos, A Fonsagrada e Friol. No conxunto de Galicia suporá o número trece, para seguir dinamizando o territorio a través da creación de emprego de calidade e do asentamento da poboación.