Nas tres universidades galegas
A Xunta anuncia na UVigo 360.000 euros para fomentar o emprendemento universitario
Anunciouno a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, na Universidade de Vigo, onde asinou co reitor, Manuel Reigosa, o convenio correspondente á institución académica viguesa, documento que se estenderá en vindeiras datas ás universidades da Coruña e Santiago de Compostela.
Segundo o acordo asinado a Consellería fará unha achega económica de 20.000 euros para a posta en marcha de diferentes actividades dirixidas a promover o espírito emprendedor e innovador entre o alumnado da UVigo. O mesmo acordo será tamén rubricado coas universidades da Coruña e Santiago de Compostela, o que suporá un total de 60.000 euros -20.000 por universidade-, aos que, “proximamente”, se sumarán outros 300.000 euros dirixidos igualmente ao fomento do emprendemento, unha materia que está a ser “prioritaria” tanto para o executivo galego como para a propia Universidade de Vigo.
Por parte da UVigo, o reitor, Manuel Reigosa, agradeceu “moitísimo” o apoio da consellería, pois esta axuda económica permitirá a posta en marcha de múltiples actividades ao longo deste ano “e agardamos tamén do que vén”. Trátase, segundo subliñou o máximo responsable da institución académica viguesa, convenios pensados especificamente para as universidades galegas e, neste caso, “a min tócame agradecer o apoio da consellería á Universidade de Vigo para temas especialmente importantes para o futuro desenvolvemento do noso estudantado e dos nosos egresados”, apuntou o reitor, quen se referiu ao emprendemento como “un tema básico para o futuro do país”.
A conselleira Elena Rivo amosouse “encantada” de asinar este acordo na Universidade de Vigo, á que se referiu como a súa casa. “Para nós é moi importante fomentar o emprendemento en Galicia e, aínda que temos outras ferramentas como son os polos de innovación, estou convencida de que un dos lugares fundamentais nos que pode xurdir o emprendemento é nas universidades galegas, de aí a importancia deste convenio que vimos de asinar coa Universidade de Vigo pero que se estende ás outras dúas universidades públicas galegas”, explicou Rivo, quen se amosou convencida de que “xuntos da man” se pode xerar un “maior emprendemento entre os galegos e as galegas”.
60.000 euros para igualdade e 30.000 para RSE
Xunto á colaboración en temas de emprendemento, a boa sintonía entre a consellería e as tres universidades esténdese tamén ao fomento da igualdade e á loita contra a violencia de xénero, así como á formación relacionada na materia de responsabilidade social empresarial (RSE). “Aos temas de Igualdade destinaranse outros 60.000 euros e 30.000 € aos de Responsabilidade Social Empresarial”, detallou Rivo.