Destaca o potencial de sectores como o turismo termal, o primario e o forestal
A Xunta abrirá un novo Polo de emprendemento en Baños de Molgas
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, anunciou nun encontro con empresarios da comarca ourensá de Baños de Molgas a posta en marcha dun novo Polo de emprendemento co fin de xerar emprego e dinamizar a economía local.
No encontro celebrado este martes, a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, anunciou a creación dun novo Polo de emprendemento e apoio ao emprego en Baños de Molgas, que acompañará ás persoas con iniciativa no desenvolvemento dos seus negocios e incrementará as oportunidades laborais na contorna.
Rivo remarcou o potencial de sectores como o turismo termal, o primario e forestal en Baños de Molgas, terra rica en oportunidades, para a creación de emprego rural, próximo e de calidade, na que o novo Polo de emprendemento suporá un “pulo importante”, sinalou.
Galicia está a tecer unha Rede de polos de emprendemento para dar cobertura ao 100% do territorio, unha experiencia que iniciou o seu percorrido hai algo máis dun ano e que está a cumprir co seu triplo obxectivo: casar a xestión da busca de emprego coa realidade demográfica e social da Comunidade; dinamizar o mercado de traballo, buscando a interacción entre os ámbitos rurais e urbanos; e fixar poboación no territorio.
O de Baños de Molgas ampliará a rede de polos da provincia ourensá, tras a posta en marcha de dous no Carballiño e en Verín e a próxima inauguración dun máis no Barco de Valdeorras. Os polos ofrecen acompañamento continuado para as persoas emprendedoras en cada unha das fases polas que pasan os seus proxectos.
Ata a actualidade, a rede de polos xa realizou 1.500 titorías para sacar adiante as iniciativas duns 500 emprendedores, entre as que destacan as relacionadas co comercio, a hostalaría, a agricultura, a gandaría e a pesca.