Cuarta edición da iniciativa de apoio ao emprendemento
Xornada de benvida no coworking de Barro
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, amosouse encantada porque “este sempre é un acto cheo de optimismo, con persoas ilusionadas perseguindo os seus soños”. Tamén subliñou que “neste coworking demostramos que a nosa provincia está chea de persoas con talento, especialmente alégrame ver que haxa tantas mulleres liderando proxectos porque ata fai pouco o emprendemento, a empresa e a economía escribíanse en masculino e temos que reivindicarnos”.
Pola súa banda, o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández, tamén presente no acto, sinalou que “para o noso concello é un orgullo contar con este Polígono e especialmente con este edificio, que alberga proxectos como este coworking, un espazo de formación que ten moito valor para a sociedade”. Tamén apuntou que “as administracións temos que axudar a todas as persoas con talento que teñen ideas e ilusión por sacar adiante os seus proxectos”.
Nesta cuarta edición participarán 20 proxectos, 12 deles liderados por mulleres, que foron elixidos entre as 29 propostas presentadas. Entre os proxectos hai algúns centrados en novas tecnoloxías, moda, cosmética, igualdade, construción, gastronomía, marketing ou comunicación. Amais, tal e como destacou a presidenta da Deputación de Pontevedra, “a maioría destes proxectos teñen un enfoque sostible e de baixo impacto co medio ambiente, e como sabemos non hai economía de futuro, nin de presente, sen empresas comprometidas co medio ambiente”.
A xornada de benvida pechouse cunha charla de Javier Varela, director de proxectos e consultor de marketing en Toctocmedia, profesor colaborador na área de marketing dixital no IESIDE e docente homologado tamén na área de marketing da Escola de Organización Industrial (EOI). O experto enfocou a súa intervención cara o marketing sostible.
O programa
Con este programa de emprendemento acompañarase ás persoas emprendedoras ao longo do proceso, desde o deseño do modelo de negocio ata a súa posta en marcha e optimización. Axudarase ás persoas emprendedoras a validar o modelo de negocio con metodoloxías áxiles, así como a desenvolver as habilidades necesarias para poñelo en marcha. Deste xeito, poranse en marcha, entre outras actividades, sesións de formación sobre Lean Start Up, crowfunding, estratexias de comunicación en redes sociais ou creatividade e innovación.
Amais, as e os participantes no coworking terán acceso tamén de maneira gratuíta ao FabLab (Laboratorio de Fabricación Dixital) da Deputación de Pontevedra, situado no mesmo espazo do viveiro de Barro.
Esta nova edición do coworking de Barro levarase a cabo ata decembro, cando rematará co “DemoDay”, no que as e os participantes presentarán os seus proxectos.