A institución provincial colabora co ente cameral cunha achega de 100.000 euros
O viveiro de empresas da Cámara de Comercio de Ourense recibe a visita do presidente da Deputación
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou este luns o viveiro de empresas da Cámara de Comercio de Ourense, situado no Parque Tecnolóxico de Galicia, acompañado polo presidente da entidade cameral, Juan Carlos Parada e outros membros do seu Comité Executivo.
Na visita, Manuel Baltar destacou as liñas de colaboración que mantén a Deputación de Ourense coa Cámara de Comercio, relacionadas cos ámbitos da internacionalización, a promoción de Ourense e a cooperación para explorar canles de negocio e competitividade, froito do cal a institución provincial achegará este ano un total de 100.000 euros para potenciar as “antenas” do Barco e Verín e o viveiro de empresas da Cámara.
Tamén se referiu o presidente provincial á colaboración coa Fundación Incyde, e ao programa de apoio ao emprego xove, que a Deputación desenvolve coa Escola de Organización Industrial, unha iniciativa que ten como obxectivo a formación de xóvenes no sector tecnolóxico, un dos ámbitos máis demandados polas empresas ourensás. Este programa beneficiará a máis de 450 mozos desempregados de entre 16 e 30 anos, e conta cun orzamento de 1,2 millóns de euros, dos que a Deputación de Ourense achega o 8% e o resto é financiado polo Fondo Social Europeo dentro do Programa de Garantía Xuvenil e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo a través da EOI.
Emprendedores do ámbito tecnolóxico
Na actualidade, case a metade dos niños de empresa cos que conta o viveiro (16) atópanse ocupados por emprendedores “que desenvolven na súa maioría proxectos do ámbito tecnolóxico”, segundo afirmou Juan Carlos Parada. O tempo de estadía nos niños é de 12 meses, prorrogables por un ano ata un prazo máximo de cinco anualidades.