Do 20 ao 23 de marzo

A Universidade da Coruña e Abanca presentan un foro de apoio ao emprendemento universitario

Abanca Obra Social, en colaboración coa Universidade da Coruña, celebrará entre os días 20 e 23 de marzo no campus coruñés o foro ‘Campus Abanca', unha iniciativa que pretende difundir a cultura emprendedora entre os mozos universitarios.

A Universidade da Coruña e Abanca presentan un foro de apoio ao emprendemento universitario
Tatiana Suárez e Margarita Amor presentaron o 'Campus Abanca'.
Tatiana Suárez e Margarita Amor presentaron o 'Campus Abanca'.

O evento, que terá un marcado carácter práctico e tecnolóxico, acollerá diferentes tipos de actividades orientadas a proporcionar aos universitarios coñecemento útil para afrontar os retos da transformación dixital e aproveitar as oportunidades profesionais ofrecidas polas industrias do futuro.

‘Campus Abanca’ foi presentado porTatiana Suárez Cancelo, directora de Responsabilidade Social Corporativa da entidade financeira, e Margarita Amor, vicerreitora de Estudantes, Participación e Extensión Universitaria da Universidade da Coruña.

“Esta iniciativa inscríbese no Programa de Educación Financeira de Abanca, a través do cal queremos proporcionar aos diferentes grupos de idade a información necesaria para a toma de decisións responsables en relación con aspectos decisivos da súa vida económica e profesional, neste caso o lanzamento dos seus propios proxectos”, explicou Tatiana Suárez.

“Para a Universidade da Coruña o Campus Abanca ten especial interese polo seu evidente sentido práctico e polo seu carácter transversal, que lle ofrece ao estudantado unha magnífica oportunidade de adquirir coñecementos básicos para o emprendemento e de coñecer as fortalezas e as debilidades de distintas experiencias”, sinalou Margarita Amor, quen remarcou que “a colaboración con Abanca no ámbito da cultura emprendedora encaixa particularmente no obxectivo programático do equipo de goberno da UDC de fomentar o desenvolvemento das iniciativas de empresas de base tecnolóxica”.

Programa

O foro está deseñado a partir dun núcleo temático composto por talleres formativos, ponencias e mesas redondas centradas en diferentes asuntos relacionados co emprendemento e a tecnoloxía, e ao redor dos cales se celebrarán outras actividades complementarias.

A filosofía do evento é netamente práctica, carácter que se verá reforzado pola presenza de recoñecidos expertos e emprendedores que compartirán o coñecemento acumulado nas súas experiencias persoais de lanzamento de proxectos. Participarán ponentes como Vincent Rosso (BlaBlaCar), Sacha Michaud (Glovo), David Rosa (Global Sport Innovation Center de Microsoft), Samuel Molina (youtubere gamer), María Olveira (fashion & travel blogger), Lalo García (Conector), Elisabeth Martínez (Conector) e Pako Rodríguez (Ouishare).

‘Campus Abanca’ arrancará o luns 20 no Salón de Graos da Facultade de Dereito coa celebración do taller ‘Coñeces o marco xurídico das start-ups. Lexislación TIC’. O martes 21 a Facultade de Informática acollerá o taller de modelos de negocio ‘Lanza a túa start-up xa! Descubrindo Lean Startup’. Ao día seguinte, mércores 22, o evento trasladarase á Facultade de Economía e Empresa, na que terá lugar o taller ‘Necesita a túa start-up financiamento? Deseña a estratexia da túa rolda’. O xoves 23 terá lugar a sesión inspiracional, tamén na Facultade de Economía e Empresa. Ao longo dela sucederanse mesas redondas relativas a economía colaborativa, proxectos fintech, moda/tendencias e innovación no deporte, un taller práctico sobre industrias de futuro (drons, impresión 3D e videoxogos), e, por último, varias sesións de networking gamificadas a través da app do evento e competicións de start-ups.

En paralelo e durante os catro días de duración do evento, o Espazo Abanca albergará diferentes actividades e contidos informativos relacionados co emprendemento, a formación e a captación de talento.

A inscrición, aberta unicamente a estudantes da Universidade da Coruña, realizarase a través da web www.campus.abanca.com ata o día 20.

A Universidade da Coruña e Abanca presentan un foro de apoio ao emprendemento universitario