Permitirá a emprendedores e startups acceder a tecnoloxías complexas
Últimos días para participar no programa 'Tech Angels' do Clúster TIC Galicia
O próximo venres 15 de decembro remata o prazo de recepción de candidaturas para participar na primeira edición do programa 'Tech Angels' do Clúster TIC Galicia, que busca conectar startups con líderes tecnolóxicos.
Esta iniciativa pioneira, iniciada a través dun convenio coa Amtega e o Igape, permitirá a emprendedores e startups de calquera sector produtivo acceder a tecnoloxías complexas, como a intelixencia artificial, e ao expertise de socios da entidade, que actuarán como 'Tech Angels'.
O obxectivo é brindarlles o impulso necesario para acelerar e optimizar os seus modelos de negocio mediante a incorporación de solucións tecnolóxicas avanzadas que se aliñen coas súas necesidades específicas, dende software a hardware, pasando por aplicacións, plataformas dixitais e calquera ferramenta que poida contribuír a potenciar os seus proxectos.
Próximos pasos
Tras a fase de inscrición de solicitudes, farase unha preselección, en base a criterios de calidade, orientación ao mercado e/ou nivel de madurez, e aquelas que cumpran os requisitos, daranse a coñecer, como moi tarde, o 9 de xaneiro.
Posteriormente, levaranse a cabo dous talleres de asesoramento en modalidade híbrida (telemática e presencial) para guiar ás startups e emprendedores na elaboración das súas presentacións ante os socios do Clúster TIC Galicia, que terán a posibilidade de actuar como 'Tech Angels' destas candidaturas.
A partir de aquí, formalizarase unha alianza estratéxica entre ideas empresariais e líderes tecnolóxicos, na que baixo a tutela experta destes últimos e o apoio continuo, os emprendedores e startups estarán equipados para navegar con destreza polo ecosistema dixital, capitalizando as súas innovacións para manterse á vangarda nun contexto de continua evolución tecnolóxica.
Con esta iniciativa, o Clúster TIC Galicia busca consolidar o tecido emprendedor tecnolóxico galego, con especial énfase en promover a integración, desenvolvemento e crecemento de startups no ecosistema dixital galego, garantindo así a súa evolución constante, adaptada ás necesidades actuais.