Ubicado no Porriño, prestará servizo a 28 municipios
Ultímase a apertura do Polo de emprendemento de Pontevedra Leste e Sur
O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, visitou no Porriño as instalacións do Polo de emprendemento de Pontevedra Leste e Sur, para supervisar o estado das obras. A Xunta prevé a súa apertura para o último trimestre do ano.
O centro do Porriño formará parte da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e dará cobertura a un total de 28 concellos pontevedreses.
En concreto, o secretario xeral destacou que asesorará ás persoas interesadas dos municipios de Poio, Bueu, Marín, Pontevedra, Moaña, Cangas, Vilaboa, Soutomaior, Cerdedo-Cotobade, Ponte Caldelas, A Lama, Campo Lameiro, Arbo, A Cañiza, Covelo,Crecente, Mondariz, Mondariz-Balneario, As Neves, Ponteareas, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Redondela, O Porriño, Fornelos de Montes, Pazos de Borbén, Tui e Forcarei.
Nos oito centros abertos ata desde 2022, a Xunta leva asesorado case medio milleiro de proxectos na súa Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego. En total, arredor de 500 persoas emprendedoras -o 60% delas mulleres- recibiron preto de 1.500 titorías para sacar adiante as súas iniciativas, entre as que destacan as relacionadas co comercio, coa hostalaría ou coa agricultura, a gandaría e a pesca.