Gañadores dos Premios Incuvi-Emprende
A Tecnópole dá a benvida a catro proxectos emprendedores da Universidade de Vigo
Kuatro Marketing Digital, Nutrición Integral en Tu Empresa, OuVIr e Ridesport son os catro proxectos empresarias gañadores no campus de Ourense da sexta edición dos Premios Incuvi-Emprende da Universidade de Vigo que veñen de instalarse na Tecnópole,
Os seus promotores (Andrés López, Melanie Sol, Estefanía Estévez e Eva Robledo) recibiron este xoves simbolicamente as chaves para ocupar cadanseu niño durante un ano no Parque Tecnolóxico de Galicia arroupados polos axentes implicados neste iniciativa. Ademais, Brigantia, proxecto galardoado na anterior edición, comeza a súa fase de consolidación no Centro de Investigación, Transferencia e Innovación da Universidade de Vigo, ao resultar un dos gañadores da segunda edición dos Premios Incuvi-Avanza, destinados a ampliar o apoio a aqueles proxectos empresariais máis viables.
Ao acto de presentación dos novos inquilinos da Tecnopole asistiron o reitor da Universidade de Vigo e máis a directora da Axencia Galega de Innovación e vicepresidenta do Parque Tecnolóxico, Patricia Argerey. Xunto a eles, o vicerreitor do campus de Ourense, Virxilio Rodríguez; a secretaria xeral da Cámara de Comercio de Ourense, Victoria Rois, o presidente da Asociación de Xóvenes Empresarios, Lois Babarro; Cristina Álvarez, de Expourense, e Jaime Pereira, secretario xeral da Confederación de Empresarios de Ourense.
Salustiano Mato salientou que estes galardóns naceron para “canalizar e intensificar a cultura emprendedora dos nosos estudantes e egresados e o seu talento e valores”, apostando por un modelo universitario no que ademais de formar titulados e xerar coñecemento tamén “nos preocupamos pola empregabilidade do noso estudantado”. Pola súa banda, Patricia Argerey apuntou aos emprendedores que na Tecnopole, “a vosa nova casa”, terán “non só espazos para traballar senón tamén formación, asesoramento, acompañamento e apoio na xestión, para acadar a viabilidade empresarial, que é o obxectivo de todos”. Pola súa banda, as entidades patrocinadoras quixeron lanzar unha mensaxe de recoñecemento, apoio e ánimo aos novos emprendedores.
Instrumentos de apoio ao emprendemento
Argerey tamén lembrou o apoio da Xunta ao emprendemento innovador e destacou neste ámbito dous instrumentos da Consellería de Economía, Emprego e Industria: a Rede de Aceleradoras de Galicia e os fondos de capital risco. A través da primeira, ofrécese formación e financiamento a ideas empresariais innovadoras, o que permitiu apoiar máis de 500 proxectos nos últimos catro anos a través dun investimento de 12 millóns de euros. Por outra banda, os fondos de capital risco XesInnova, I2C e Galicia Iniciativas Emprendedoras xa levan apoiado 60 iniciativas empresariais a través de participación en capital ou préstamos por preto de 12 millóns de euros.