Medio cento de asesoramentos no primeiro mes de actividade
A rede de polos de emprendemento alcanza os 12 centros coa apertura dun no Porriño
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, sinalou na súa intervención que o novo Polo de emprendemento do Porriño confirma a aposta da Xunta de Galicia por xerar riqueza pegada ao territorio, cunha “boa práctica recoñecida en Europa para fomentar o emprendemento dunha forma completa, sen límite de tempo e de forma gratuíta”.
Malia que a inauguración oficial non tivo lugar ata este luns, este Polo ten asesorado xa desde o mes pasado máis de medio cento de persoas cos seus respectivos proxectos, sendo mulleres o 61%. A estas persoas emprendedoras prestáronselles case un cento de titorías, para darlle un pulo aos seus negocios, entre os que dominan as iniciativas relacionadas coa educación, o comercio e a hostalaría.
Canto ao conxunto da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, que se puxo en marcha en xullo do ano pasado, Rivo destacou que se atenderon xa arredor de 900 persoas, coas que se realizaron máis de 2.500 sesións de titorización. Entre os seus negocios, predomina o comercio ou a hostalaría, pero tamén o sector primario.
Na súa intervención, a conselleira puxo en valor que a Rede de polos xorde para ofrecer un acompañamento continuado das persoas emprendedoras en cada unha das fases polas que vaian pasando os seus proxectos. A finalidade é acadar os 15 centros activos ao remate do ano, para cubrir o cen por cento do territorio galego. No caso da provincia de Pontevedra, prevese a posta en marcha -a maiores dos de Silleda e O Porriño- do de Vilanova de Arousa.
30,6 millóns para emprendemento en 2024
Cómpre engadir que o orzamento para darlle un pulo ao emprendemento increméntase nun 51,6% o ano que vén con respecto a este 2023, ata acadar os 30,6 millóns de euros. Dentro dese importe, inclúese 2,72 millóns para o mantemento dos Polos e 7 millóns en axudas para proxectos postos en marcha ao abeiro da Rede.
Así mesmo, cabe destacar os 10,5 millóns de euros de axudas para apoiar o inicio e a consolidación de iniciativas de emprendemento; os 2,2 millóns para a posta en marcha do Centro de Orientación, Emprendemento, Acompañamento e Innovación para o Emprego; 1,8 millóns para unha bolsa de substitución de negocios que garanta a remuda xeracional e a continuidade das empresas e case 1 millón para actuacións con entidades de cara ao fomento do emprendemento. Así mesmo, implementarase a Estratexia galega de emprendemento, cun impulso coordinado con todos os axentes implicados.