Ábrese a convocatoria da aceleradora aeronáutica
A primeira convocatoria da BFAero oferta seis prazas: tres en incubación e tres en aceleración
Este venres presentouse publicamente a primeira convocatoria da BFAero, a aceleradora aeronáutica promovida pola Xunta de Galicia no marco da Civil UAVs Initiative
Na clausura deste acto, a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, destacou que esta iniciativa supón un paso máis na firme realidade que é hoxe o polo aeroespacial de Galicia, a través do que se está a mobilizar un investimento público-privado de 164 millóns de euros. Esta iniciativa inscríbese concretamente no programa de emprendemento innovador do polo, que ten por obxectivo fortalecer o apoio ao talento emprendedor galego impulsando a creación de empresas nun sector de alto valor engadido estratéxico para a nosa Comunidade; baseado no coñecemento e aliñado coa Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3).
Argerey situou a BFAero na vangarda das iniciativas deste tipo, non só polo seu equipo promotor, líder no sector, senón por prever o investimento máis cuantioso por proxecto de Europa, duplicando o apoio na fase de incubación ao de iniciativas similares noutras localizacións, sen ter en conta outros apoios como o acceso potencial a préstamos participativos ou participacións en capital.
A aceleradora Business Factory Aero está promovida pola Xunta de Galicia, a través do Igape, Gain e Xesgalicia, polas empresas Indra e Babcock e o centro tecnolóxico de automoción CTAG, xestionada pola Fundación CEL e apoiada por diferentes entidades colaboradoras representadas polo Consorcio Aeronáutico Galego.
Detalles da convocatoria
A BFAero inclúe dous itinerarios: un de incubación e outro de aceleración, para os que se dispón de tres prazas en cada un. A convocatoria está dirixida a todo o ecosistema de innovación: universidades, centros tecnolóxicos, empresas e emprendedores. O prazo de solicitude pecha o 28 de febreiro de 2019.
O apoio incluirá financiamento, ata 100.000 euros para incubación e de 50.000 euros para aceleración; así como opción a financiamento adicional a través de préstamos de entre 50.000 e 500.000 euros en incubación e sen límite en aceleración e préstamos participativos de ata 250.000 euros en aceleración. Ademais de financiamento, BFAero ofrece acceso a infraestruturas especializadas, asesoramento individualizado con mentores profesionais activos do sector, asesoramento tecnolóxico e acceso a potenciais clientes de ámbito internacional.
Nas tres convocatorias previstas, a BFAero prevé mobilizar un mínimo de de 4,75 millóns de euros, coa previsión de apoiar 19 proxectos e empresas que xeren máis de 60 empregos directos en Galicia.