A novidade desta edición é a estrea dunha nova plataforma virtual
O Pont-Up Store servirá de escaparate a 40 novas empresas
O profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e director do Pont-Up Store, Pedro Figueroa, presentou este martes as novidades desta oitava edición do Pont-Up Store, acompañado polo vicerreitor do campus de Pontevedra, Jorge Soto; o tenente de alcalde de Pontevdra, Tino Fernández, a concelleira de Promoción Económica, Yoya Fernández e o deputado provincial de Economía Carlos López Font.
Como unha “festa do emprendemento”, que permite achegar á cidadanía o labor de persoas “que poden ensinarnos como traballar desde a innovación”, definiu Soto un evento que, trala ausencia virtual en 2020, retorna neste 2021 nese obxectivo de “seguir axudando ao emprendemento, sempre necesario”. L
Un escaparate para 40 empresas
Nas xornadas de venres e sábado, 35 novas empresas presentarán os seus proxectos e servizos nos stands que se habilitarán no recinto, ao que cinco empresas sumarán tamén unha serie de “actividades demostrativas”. Entre os proxectos de empredemento seleccionados figuran “iniciativas de todos os ámbitos”, como apuntou Figueroa, que destacou a presencia de empresas ligadas á cultura, á moda, á enxeñaría, ao turismo ou á economía social. O director do Pont-Up Store recalcou así mesmo a “aposta” deste evento por promover actividades vinculadas ao “ámbito da igualdade”, ao que se suma o feito de que o 55% dos proxectos empresariais seleccionados “estean liderados por mulleres”. Así mesmo, máis do 40% das empresas proceden de múltiples puntos de Galicia “máis aló das sete grandes cidades”, o que amosa, sinalou, a “proxección” do evento no conxunto da comunidade autónoma. Do mesmo xeito, Figueroa destacou que os diferentes proxectos seleccionados “teñen como tema común a sostibilidade, ben nos propios produtos e servizos que ofrecen, ben nos principios do propio emprendemento”.
Por outra banda, entre as 40 startups galegas protagonistas deste encontro figuran tanto proxectos seleccionados na convocatoria de 2020 como unha ducia de empresas que iniciaron ou reorientaron a súa actividade no contexto da pandemia, seleccionadas na convocatoria extraordinaria aberta neste 2021 polo comité organizador.
Novo espazo virtual
Máis aló da volta a presencialidade, esta edición abrangue tamén o lanzamento dun espazo virtual interactivo, o digital_pontup, unha “ferramenta que vai estar activa todo o ano” e que permitirá non só realizar visitas virtuais aos diferentes stands, senón tamén organizar outra serie de actividades, explicou Figueroa. Esta nova plataforma foi desenvolvida pola empresa Xeométrica, cuxo responsable, Roberto Cabeceira, membro do comité organizador do Pont-Up Store, explicou que naceu coa idea de ser “unha réplica da feira”, marcada pola “integración da realidade e virtualidade”. A través de diferentes ferramentas, esta plataforma permitirá facer “visitas interactivas ás contornas de traballos” destes proxectos empresariais ou aos seus “stands virtuais”, nos que será posible contactar cos emprendedores e emprendedoras, á vez que coñecer os seus produtos e servizos e como adquirilos.
Programa de actividades do Pont-Up Store
“O obxectivo desta edición era facer o que non fixemos o ano pasado”, salientou Figueroa do programa de actividades que completa o Pont-Up Store e que se desenvolverán tanto no propio recinto como noutras localizacións de Pontevedra. Entre as propostas, unha mesa redonda sobre mulleres nas TICs, un almorzo networking e unha sesión de networking sobre emprendemento en feminino.
Unha asociación reunirá á comunidade emprendedora do Pont-Up
Por outra banda, esta edición servirá tamén para presentar a Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store, nacida cos obxectivos de “aproveitar a experiencia e os valores” promovidos por este encontro ao longo das súas oito edicións, contribuír á súa continuidade e “apoiar tanto aos novos emprendementos como a toda a comunidade de participantes”, constituída por preto de 300 iniciativas empresariais de diferentes puntos de Galicia, como lembrou Figueroa nesta presentación.
Pont-Up Store é un encontro do emprendemento promovido pola Universidade de Vigo a través do Campus Crea e coordinada polo grupo de investgación G4+, membro de Ecobas, coa Concellaría de Promoción Económica de Pontevedra como patrocinador principal.