A próxima edición celebrarase os días 24 e 25 de setembro

Pont-Up Store abre unha nova convocatoria a proxectos de emprendemento nacidos na pandemia

Oito dos 36 emprendementos seleccionados na edición 2020 do Pont-Up Store non poderán asistir á edición de 2021, prevista para os días 24 e 25 de setembro en Pontevedra, polo que a organización deste evento dedicado á innovación e ao emprendemento decidiu abrir unha convocatoria extraordinaria para admitir novos proxectos.
Pont-Up Store abre unha nova convocatoria a proxectos de emprendemento nacidos na pandemia
Un stand de Pont-Up Store na edición 2019./DUVI.
Un stand de Pont-Up Store na edición 2019./DUVI.

A nova convocatoria para participar no Pont-Up Store, que permanecerá aberta entre o 28 de xuño e o 4 de xullo, está especialmente dirixida a emprendementos valentes que puxeron en marcha a súa empresa en plena pandemia. Este novo proceso de recepción de candidaturas tamén estará aberto a todos aqueles emprendementos que xa participaron en pasadas edicións do evento e que presenten unha innovación destacable que lles permitira afrontar con éxito a situación xerada pola covid-19.

O director do Pont-Up Store, Pedro Figueroa, afirma que “agardamos que o avance da vacina nos permita presentar o programa en setembro e instalar os habituais expositores. En todo caso, xa podemos adiantar que se van celebrar aquelas actividades que non foi posible realizar o ano pasado en formato online, entre as que se inclúen as de economía social, economía circular, rastrexos, gaming, internacionalización…”.
 

Nova plataforma dixital

O director avanza  tamén que, entre as principais novidades que trae consigo este ano o Pont-Up Store, organizado polo grupo de investigación G4 Plus co patrocinio da Concellería de Promoción Económica de Pontevedra, a Vicerreitoría da Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra, “figura un novo proxecto denominado dixital_pontup, ao que o Concello de Pontevedra destinou unha achega de 6.000 euros, que se está desenvolver e que se presentará nas propias datas do Pont-Up”.

Segundo subliña Figueroa, “tras un ano tan complicado para os emprendementos como foi 2020, estes novos tempos esixen repensar e innovar para xerar dinámicas positivas que motiven e axuden a visualizar ás novas persoas emprendedoras”, o que levou a poñer en marcha “un espazo virtual interactivo, co deseño dun aplicativo que permitirá a organización de diferentes eventos e actividades vencelladas co novo emprendemento”.“A plataforma dixital_pontup, en fase de desenvolvemento, fará posible que estas accións innovadoras e emprendedoras poidan ser visitadas non só desde calquera lugar, senón tamén en calquera momento, outorgando ademais unha maior proxección ás mesmas e un maior valor engadido aos seus patrocinadores”, apunta Figueroa.

Pedro Figueroa constata que a nova plataforma permitirá, entre outras cuestións, contar cunha programación propia durante todo o ano para a realización de foros, xuntanzas, intercambios de experiencias ou actividades sectoriais dedicadas ao novo emprendemento; a integración no aplicativo dunha zona de exposicións destinada a navegar por stands virtuais e interactivos que conterán os proxectos de emprendemento seleccionados na edición; incrementar a visibilidade e difusión dos proxectos e os patrocinadores en cada evento ou actividade; aumentar o impacto do evento ou actividade explorando novas vías de difusión dixital, e integrar no aplicativo unha zona virtual para presentar os relatorios, mesas redondas e outras actividades grupais que acontezan no evento ou ben aquelas que se poderían celebrar durante todo o ano e dedicadas a sectores concretos.

Figueroa sinala que este novo e innovador proxecto permitirá dispor preto das datas do Pont-Up Store, da primeira edición dixital do encontro, o que permitirá a partir da positiva experiencia destes últimos anos, dar un salto exponencial no apoio ao novo emprendemento, propoñéndose como epicentro dixital da Comunidade crecente.

Na súa opinión, “esta ferramenta permitirá á cidade de Pontevedra e ao Campus CREA da Universidade de Vigo posicionarse como líderes na organización de eventos dixitais en xeral e nos relacionados co mundo do emprendemento en particular, permitindo visitar o Pont-Up desde calquera lugar, percorrer virtualmente as tendas dos emprendementos seleccionados, comunicarse con eles e facer operacións comerciais cos mesmos, tanto neste Pont-Up como en calquera evento que no futuro se organice a través desta plataforma”.

Constitución dunha asociación

Outra das principais novidades que traerá consigo este ano o Pont-Up é a creación dunha asociación que se constituirá nos vindeiros meses, que se presentará nas datas de celebración do evento e que será bautizada como Asociación para o Emprendemento e Innovación: Pont-Up Store. Os seus obxectivos son os de aproveitar a experiencia e os valores promovidos polo Pont-Up Store a longo destas oito edicións, garantir a continuidade da celebración anual do evento e apoiar tanto aos novos emprendementos como a toda a comunidade de participantes, constituída por preto de 300 iniciativas procedentes de toda Galicia. “A asociación -apunta Figueroa- nace cun espírito de colaboración e complementariedade con outras organizacións de apoio ao emprendemento”.

Pont-Up Store abre unha nova convocatoria a proxectos de emprendemento nacidos na pandemia