As solicitudes, ata o 27 de novembro
#OlympeEmprende apoiará o emprendemento cooperativo liderado por mulleres
O Programa #OlympeEmprende vai dirixido a todas aquelas iniciativas emprendedoras galegas lideradas por mulleres que estean arraigadas no territorio, que practiquen a intercooperación, garanten a democracia interna, incorporen a economía e o coidado feminista nas súas prácticas, promovan a diversidade na composición e participación e teñan en conta o impacto ambiental da súa actividade. En definitiva, proxectos que poñen ás persoas no centro da súa actividade.
#OlympeEmprende ofrecerá a un máximo de 15 mulleres formación, acompañamento individual e colectivo, webinars, tours de emprendemento, sesións de intercooperación. Asemade, as participantes poderán optar a un premio económico de 3.000 euros ás mellores iniciativas que permita dar un soporte á constitución de cooperativas no territorio lideradas por mulleres.
O programa realizarase de xaneiro a xuño de 2023, e valorará que as iniciativas teñan entre os seu obxectivos a consecución dun impacto social (como por exemplo a mellora do benestar do ser humano e a equidade social).
Pódense presentar iniciativas colectivas que se atopen nunha fase inicial, de feito poden ser ideas de negocio que non se iniciasen e que se atopen nunha fase de desenvolvemento mínima, sen necesidade de que se definise ningún modelo de negocio.
O programa está cofinanciado polo Fondo Social Europeo e é gratuito para as participantes. O período de presentación de candidaturas remata o vindeiro 27 de novembro.
Formación e acompañamento
Tandem Social, Abeluria e Wazo Coop auspiciarán e formarán de xeito virtual aqueles proxectos seleccionados explicando o concepto de empresa da economía social e solidaria, modelos de negocio, marketing e comercialización ou fontes de financiación alternativas. E ao mesmo tempo levarase a cabo un acompañamento individual e colectivo de xeito virtual dos proxectos para axudar nas necesidades específicas de cada proxecto emprendedor.