Promovido por Tandem Social, Abeluria e Wazo Coop
#OlympeEmprende culmina tres anos de apoio ao emprendemento feminino en Galicia
O proxecto #OlympeEmprende, innovador e de empoderamento femenino, supuxo unha formación e apoio continuo para as mulleres emprendedoras no ámbito da economía social e solidaria en Galicia.
A iniciativa #OlympeEmprende, promovida polas cooperativas Tandem Social, Abeluria e Wazo Coop durante tres anos, proporcionou a 50 mulleres en Galicia unha formación completa e innovadora, sesións de intercooperación, tours de emprendemento, webinars e acompañamento estratéxico, territorial e de competencias para impulsar ideas de negocio con impacto na comunidade. A maiores, o proxecto tamén serviu para crear redes e complicidades entre proxectos liderados por mulleres dentro da economía social galega.
Ana Olveira, socia da cooperativa Abeluria, sinalou que “na cooperativa, a forza non está na separación, senón na conexión. Emprender no feminino en Galicia significa tecer redes, compartir coñecementos e recursos, e contribuír ao desenvolvemento da nosa comunidade. O futuro da economía é social, solidario e feminino."
Olveira tamén recalcou que "Cooperativismo e feminismo son dous movementos que se nutren mutuamente. Mulleres emprendedoras galegas están a liderar o camiño cara a unha economía máis inclusiva e sustentable. En Abeluria, estamos orgullosas de apoiar esta visión a través de proxectos como #OlympeEmprende",
O acto de clausura do programa contou coa presenza da subdirectora de Economía Social da Xunta de Galicia, Farrah Lisa Meghazi e da concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude de Santiago, María Rozas Pérez. Nel, realizáronse actividades variadas, entre elas un almorzo networking, unha mesa redonda sobre o ecosistema emprendedor da economía social e unha dinámica de enraizamento.
Premios a emprendedoras
No evento, entregáronse premios e diplomas en recoñecemento ao esforzo e a innovación das mulleres emprendedoras de Galicia. O xurado desta terceira edición estivo constituído por Carme Casado, responsable de Desenvolvemento Económico, Oficina de Promoción Económica do Concello de Santiago de Compostela; Eva López Barrio, responsable do Programa Woman Emprende da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e Belén Liste Lázara, subdirectora xeral de Emprego da Xunta de Galicia.
O primeiro premio, cunha dotación de 1.200 euros, recaeu na cooperativa Outrora, formada por emprendedoras de A Guarda, adicada á realización de actividades, programas e proxectos no ámbito socioeducativo en áreas de igualdade, dinamización comunitaria e lecer. O segundo premio, cunha cuantía de 1.000 euros, foi para o proxecto Coidadoras no Rural de Barro (Pontevedra) centrado no acompañamento e prestación de servizos a persoas maiores e dependentes. Finalmente, os 800 euros do terceiro premio recaeron en Beauty Detox Concept S. Coop. Galega (Potingues Verdes), unha tenda en liña de cosmética ecolóxica.