Da Deputación de Pontevedra
Ocúpase o 90% dos espazos do viveiro de empresas de Barro
Seis novos negocios vanse instalar no viveiro de empresas do polígono de Barro, dependente da Deputación de Pontevedra, que alcanzará así o 90% de ocupación dos seus espazos.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o deputado provincial Carlos López Font asinaron este xoves os contratos de cesión de espazos no polígono de Barro-Meis a seis empresas. Son seis novos negocios que se dedicarán á fabricación de pezas de precisión, á compra-venda de vehículos, á distribución e aplicación de produtos para a construción, á fabricación de obleas de sabores, á comercialización de tecnoloxía sanitaria e á venda de repostos e accesorios para maquinaria pesada.
Con estas novas adxudicacións, sinalou Carmela Silva, "xa están ocupadas todas as 16 naves do viveiro e un total de 19 das 24 oficinas". Isto, en porcentaxes, tradúcese no "100% das naves e o 79% das oficinas, isto é, o 90% do total dos espazos" dos que dispón o viveiro de empresas de Barro, informou a presidenta provincial.
Carmela Silva sinalou o éxito colleitado polo viveiro, no que, ademais destes novos espazos, "temos unha lista de agarda tanto para poder ocupar unha nave como para poder ocupar certo tipo de oficinas que xa están completas". A presidenta da Deputación de Pontevedra asegurou que "o viveiro está a funcionar moi ben e desde o Goberno provincial estamos moi satisfeitos e satisfeitas".
Ocupación do polígono
Ademais das novas adxudicacións no viveiro de empresas, a día de hoxe no polígono de Barro-Meis están xa vendidos 127.081 metros cadrados dun total de 261.000 metros cadrados, o que se traduce nunha ocupación do 49%.