A Deputación de Pontevedra seleccionará cinco proxectos
Nova edición da aceleradora de empresas turísticas
Ata o 15 de febreiro estará aberto o prazo para participar na segunda edición da aceleradora de empresas turísticas da provincia de Pontevedra enmarcada no programa TurisTIC da Deputación
Así o anunciou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva: "tralos bos resultados obtidos na primeira edición, á que se presentaron 22 empresas e na que participaron cinco, imos lanzar unha segunda que permitirá mellorar negocios e lanzar proxectos turísticos innovadores”.
Na aceleradora de empresas turísticas poden participarpersoas emprendedoras, empresarias, autónomas e pemes de Pontevedra con interese en impulsar o seu negocio turístico. Deste xeito, a aceleradora vai dirixida a empresas turísticas cun proxecto en fase temperá de desenvolvemento ou cun alto potencial de desenvolvemento, preparación técnica para desenvolver o proxecto de aceleración e motivación e compromiso co programa, así como interese en mellorar as súas capacidades e habilidades.
As empresas interesadas en participar deberán presentar a súa solicitude ata o 15 de febreiro a través dun formulario na web www.smartpeme.depo.gal. De todas as solicitudes escolleranse un máximo de 5 proxectos que serán valorados en base a criterios técnicos como o seu grao de innovación, a memoria do proxecto e perfil das persoas participantes. Estas cinco empresas seleccionadas participarán na aceleradora entre o 25 de febreiro e o 30 de abril e recibirán un programa de mentorización e sesións formativas grupais. Máis polo miúdo, impartirase formación individualizada relativa ao sector turístico, ás novas tecnoloxías, imaxe e competitividade, así como apoio para validar o proxecto e modelo de negocio e axudas para impulsar unha planificación do proceso de promoción e comercialización.Tamén haberá sesións grupais centradas na innovación como motor de cambio, nas novas oportunidades de promoción e comercialización e no deseño dun plan de marketing.
Para o goberno de Carmela Silva o sector turístico é fundamental, pois representa o 11% do PIB da provincia de Pontevedra. Na primeira edición da aceleradora turística, celebrada o ano pasado, participaron as empresas Agro de Bazán, Namorarte, I´m a local, El salón de tusviajes e Abadía Eiras.