A rede cobre xa o 45% do territorio galego
Ferrol estrea o quinto polo de emprendemento e apoio ao emprego
O Polo Rías Altas e Arco Ártabro nace para impulsar o crecemento socioeconómico de Galicia pendente de explorar e para captar e reter o “inmenso” talento e capital humano da comunidade, segundo destacou a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, quen presidiu o acto de inauguración.
No acto, no que se presentaron tres ideas de negocio diferentes ligadas todas elas a súa contorna (Raíces de agua, Suidade Deseño Galego e Great memories events), Lorenzana sinalou que a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, promovida polo departamento autonómico que dirixe, ofrece xa un acompañamento continuado ás persoas galegas emprendedoras, “converténdose nunha rede de seguridade para impulsar unha forma de emprender ordenada”, indicou.
Ao respecto, Lorenzana explicou que na Rede adecúanse as fases ou etapas do proceso emprendedor ás particularidades de cada proxecto co reto de casar a xestión da busca de emprego coa realidade demográfica e social de Galicia; dinamizar o mercado de traballo, buscando a interacción entre os ámbitos rurais e urbanos; e fixar poboación no territorio “porque se hai traballo hai futuro”, engadiu.
Os polos xa en marcha (Ourense Centro e Sur, en Verín; Pontevedra Norte e Rías Baixas, en Silleda; Costa da Morte, en Coristanco; e Lugo Sur, en Monforte; ao que se suma este de Rías Altas e Arco Ártabro de Ferrol) atenden xa máis de 140 concellos, cubrindo o 45% do territorio galego. A Rede prestou xa asesoramento a máis de 110 persoas, das que a metade son mulleres, o que, en palabras de Lorenzana, demostra o talento feminino que hai en Galicia. Na Rede desenvólvense 91 proxectos empresariais e estanse a realizar 376 sesións de titorizacións coas emprendedoras e emprendedores.
A meirande parte das ideas de negocio pertencen ao sector das industrias manufactureiras (16%), seguido da agricultura, gandería, silvicultura e pesca (15%), e das actividades artísticas, recreativas e de entretemento (15%).
Apoio ao emprendemento en diferentes fases
A conselleira expuxo, tamén, as diferentes etapas de emprendemento sobre as que se presta asesoramento na rede autonómica. Na actualidade hai un total de 43 iniciativas na fase de Emerxer, na que se traballa en definir a idea de negocio e en aportar un valor engadido; 16 na etapa de Explorar, na que se investiga o mercado da contorna para avaliar o interese que suscita o proxecto; 25 plans na fase Executar, na que as persoas emprendedoras precisan apoio para mellorar o seu desempeño comercial; e cinco iniciativas atópanse en Expandir, na que se buscan novas liñas de negocio, así como ampliar o mercado dos seus proxectos.
A Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego continuará crecendo en 2023 ata sumar un total de 12 oficinas distribuídas por toda a xeografía galega nas que se informará tamén dos recursos autonómicos dispoñibles para emprender.